A Xunta deixa 74 granxas novas sen a axuda de incorporación

Plantación no concello de Poio, comarca de Pontevedra.
O Sindicato Labrego Galego acusa Medio Rural de potenciar macrogranxas.

O Diario Oficial da Galiza (DOG) recolleu  a resolución das solicitudes de subvención destinadas á creación de empresas para agricultoras e agricultores mozos, o apoio aos investimentos nas explotacións agrícolas e a creación de empresas que desenvolvan pequenas explotacións agrícolas, correspondentes ao ano 2022.  

Segundo denuncia o Sindicato Labrego Galego (SLG), nesta resolución a Xunta da Galiza "volveu denegar estes apoios económicos" a granxas pequenas e medianas que cumprían cos criterios estabelecidos nas axudas, "ao igual que aconteceu recentemente coas axudas complementarias ao sector cárnico ou á produción ecolóxica".

Desde o SLG alertan da "absoluta irresponsabilidade da Administración galega, que nun contexto de tendencia ao despoboamento do medio rural e no que a previsión é que seis de cada 10 persoas que se dedican á produción de alimentos estea xubilada no ano 2030, deixa sen apoio económico público 74 novas granxas galegas". 

"Medio Rural aposta polas macrogranxas"

Un dos criterios para valorar a adxudicación das axudas foi a realización de plans de mellora (habitualmente vinculados á mecanización de granxas grandes), "no lugar de fomentar a activación de novos proxectos produtivos", sinalan desde o SLG.  

Por este motivo, o sindicato considera que "a Consellaría de Medio Rural, como xa ten manifestado, aposta polas macrogranxas, favorecendo a concentración dunha cuestión tan sensíbel como é a produción de alimentos nun limitado número de empresas". 

O SLG engade que as dificultades que a Xunta está a pór as granxas pequenas e medianas non se limita á denegación de apoio económico público.

"A resolución de 2022 chega unha vez que xa se iniciou o prazo de solicitude da nova convocatoria de 2023", sinalan ante un procedemento que consideran "implica consecuencias negativas para as granxas solicitantes", pois aquelas persoas que iniciaron durante 2022 o proceso de instalación das súas granxas contando con obter a axuda, perden a posibilidade de solicitala. 

É por isto que o SLG exixe que as políticas públicas da Consellaría de Medio Rural se centren en "velar por un medio rural vivo, no que cada día teñamos máis labregas e labregos e mellores alimentos, a salvo de macrogranxas que destrúen o territorio".