A Xunta cesa Tahoces, investigado por presunta prevaricación ambiental

Ángel Bernardo Tahoces foi director xeral de Minas entre 2009 e 2020 (Imaxe: Xunta).
Nos seus anos no cargo tiveron lugar mobilizacións sociais en contra de proxectos mineiros en Corcoesto, na Costa da Morte, Touro ou San Finx, en Lousame. Entidades veciñais ou ecoloxistas veñen denunciando trabas do departamento que dirixiu no acceso a expedientes e outra información.

O Diario Oficial da Galiza (DOG) recolleu onte o cesamento de Ángel Bernardo Tahocesda Dirección Xeral de Enerxía e Minas. Tahoces está pendente de declarar como investigado por un posíbel delito de prevaricación ambiental nunha causa aberta no xulgado de Noia a raíz da reapertura da mina de San Finx, no municipio de Lousame.

O Partido Popular rexeitou coa súa maioría, e mais a abstención do PSOE, solicitar o seu cese. A maiores, o partido descartou esta posibilidade tamén en boca dos seus altos cargos na Administración, caso do propio presidente, Alberto Núñez Feixoo. Tahoces asegurou que a reactivación de San Finx se axustara "estritamente á legalidade"

Daquela, colectivos veciñais e ecoloxistas sumáranse ao BNG e mais a En Marea reclamando a destitución do ex director xeral. Os mesmos que teñen denunciado as facilidades que, aseguran, o departamento que dirixiu concedeu a empresas para a implantación de proxectos extractivos.

Algunhas delas foron paralizadas posteriormente pola propia Xunta tras meses de intensas mobilizacións cidadás. É o caso da iniciativa dunha filial da canadense Edgewater para extraer ouro en Corcoesto (Cabana de Bergantiños) ou da reactivación dunha mina de cobre nos municipios de Touro e O Pino. 

Falta de transparencia

A mesma veciñanza tamén ten denunciado as trabas ao acceso á información do departamento que dirixiu Tahoces. En 2017, o Tribunal Superior de Xustiza da Galiza (TSXG) fallou en contra da Dirección de Minas por denegar a un veciño o acceso, solicitado a finais de 2012, a expedientes do proxecto de Corcoesto ao consideralo "contrario ao dereito".

En maio de 2018 a entón Valedora do Pobo, Milagros Otero Parga, anunciou que actuaría de oficio para solicitar de urxencia información do expediente administrativo do proxecto mineiro de Touro. Otero admitira previamente a trámite unha queixa da Plataforma Veciñal Mina Touro-O Pino Non e da Plataforma en Defensa da Ría de Arousa sobre as dificultades para acceder a dito informe.

En 2019, o colectivo Columna San Finx solicitou a través de Transparencia os expedientes das subvencións destinadas á Cámara Mineira en 2019. Unha parte serviu para a creación de unidades didácticas sobre minaría para crianzas, moi criticadas por colectivos ecoloxistas. A Xunta permitiu un acceso parcial, mais a Cámara respondeu cun proceso contencioso-administrativo no que o colectivo non se puido persoar por falta de recursos.

Máis recentemente, en maio de 2020, un organismo da ONU admitiu a trámite unha queixa das asociacións Petón do Lobo e O Ouriel dos Anllóns pola "obstaculización" da Administración galega no acceso a información de proxectos mineiros, concretamente o de San Finx e mais o da mina de Varilongo, en Santa Comba. 

Concurso eólico

Entre outras cuestións, Tahoces propuxo a suspensión do concurso eólico do bipartito recollida nunha resolución do 7 de agosto de 2009, con Javier Guerra á fronte da Consellaría de Economía e Industria. O TSXG declarou a anulación desta suspensión, posteriormente ratificada polo Tribunal Supremo tras o recurso da Xunta da Galiza á sentenza. O TSXG advertira a Administración galega de que incorrera en "desviación de poder". 

Outras substitucións

Paula Uría relevará Tahoces no seu posto, agora baixo o título da Dirección Xeral Planificación Enerxética e Recursos Naturais. Enxeñeira industrial na especialidade enerxética, Uría ocupaba desde 2015 o cargo de subdirectora xeral de Enerxía.  Ademais, tal e como fora anunciado no Consello da Xunta da pasada semana, o DOG recolle o nomeamento de Manuel Heredia Pérez como responsábel de Comercio e Consumo.

Heredia substitúe a Sol María Vázquez Abeal. O novo director xeral traballou previamente no sector privado en empresas como Pull and Bear, PVH Arrow ou Zara. Por último, Marcos Gómez Román foi nomeado director xeral de Comunicación. Desde xaneiro  traballaba como xefe de prensa da Presidencia da Xunta.