O Defensor del Pueblo cuestiona as actuacións do Goberno galego na mina de Touro

Neumáticos e contaminación na mina de Touro (Foto: Mina Touro-O Pino Non).

Destaca a “nula ou escasa atención” que os organismos galegos consultados lle prestaron ás súas recomendacións.

A Plataforma veciñal Mina Touro – O Pino NON vén de destacar o feito de que o Defensor del Pueblo dedique catro páxinas do seu informe anual, recentemente publicado, ás súas investigacións sobre a mina de Touro.

Este organismo faise eco dos temores da veciñanza, preocupada “polos impactos negativos nas augas, polas drenaxes acedas procedentes da mina e o incremento do ruído por voaduras e maquinaria pesada, así como pola influencia negativa no desenvolvemento socio-económico da zona, sobre todo para as explotacións gandeiras, agrícolas e forestais e o turismo asociado aos bens do patrimonio histórico.

“Unha vez máis, volve deixar de manifesto as diversas irregularidades cometidas pola Xunta de Galiza ao respecto desta mina, tanto no concernente ao proxecto presentado por Cobre San Rafael como ás últimas décadas desde que pechara a anterior explotación nos anos 80”, destaca o colectivo veciñal.

O informe recolle que o Goberno galego non impulsou a tramitación do plan de actividades extractivas nin informou sobre unha data estimada para a súa aprobación nin pediu o preceptivo informe a Augas de Galiza.

Segundo Mina Touro – O Pino NON queda clara a “actuación neglixente” dunha Xunta que prestou “escasa ou nula atención” ás recomendacións e suxestións do Defensor del Pueblo, “tanto respecto a esta mina como á actividade extractiva na Galiza, en xeral”.

Desde o colectivo veciñal queren recalcar, por outra banda, que a pandemia e o confinamento “non implican esquecer a loita contra a mina nin a defensa do medio natural, cultural e dos nosos medios de vida estratéxicos, como son a gandería, agricultura e industria forestal, principalmente”.