Imputado o director xeral de Minas por prevaricación na mina de San Fins

Vertidos na mina de San Fins (Lousame). Foto: Adega.

A Fiscalía cita a declarar como investigado por presunto delito de prevaricación ambiental o director xeral de Minas Ángel Bermardo Tahoces. Será nos xulgados de Noia o vindeiro 2 de maio e a causa da reapertura da mina de San Fins, en Lousame.
 

O procedemento parte da Fiscalía de Medio Ambiente. A acusación particular é da asociación ecoloxista Verdegaia. No proceso de reapertura da mina houbo numerosas irregularidades, denunciadas por plataformas, organizacións ecoloxistas como Adega e veciñanza.

 

Non houbo estudo de impacto, vertéronse augas residuais sen el, e ninguén respondeu polo estado das balsas mineiras, que conteñen metais pesados con potenciais efectos canceríxenos. Malia esa situación, a Xunta e en concreto a Dirección Xeral de Enerxía e Minas resolveu autorizar a reapertura da explotación.

 

Segundo recorda Europa Press, a ONU chegou a admitir a trámite unha queixa pola obstaculización do Goberno galego no acceso á información en proxectos mineiros.

 

A mina de San Fins funcionara en distintos períodos do século XX. Ese foi o argumento empregado por Tahoces para permitir a reapertura sen esixir un novo estudo de impacto ambiental.