Feixoo defende a súa continuidade

O director xeral de Minas desbota demitir pese a seguir investigado por suposta prevaricación

Ángel Bernardo Tahoces, director xeral de Enerxía e Minas da Xunta de Galiza, teima en que non apresenterá a súa demisión pese a atoparse investigado por un suposto delito de prevaricación ambiental.

Ángel Bernardo Tahoces
photo_camera Ángel Bernardo Tahoces

A pesar de figurar como investigado nun suposto delito de prevaricación ambiental, o director xeral de Enerxía e Minas do goberno galego, Ángel Bernardo Tahoces, desbotou apresentar a súa demisión e asegurou que "en ningún momento" chegou a considerar a súa retirada ao entender que "se están facendo as cousas con pleno respecto á legalidade".

Tahoces amosouse nunha rolda de prensa decorrida nesta cuarta feira 21 de agosto "convencido a nivel persoal e profesional" de que as actuacións levadas a cabo pola Dirección Xeral e polo Inega (Instituto Enerxético de Galiza) "axústanse ao ordenamento xurídico".

A demanda de cesamento da súa actividade foi requirida pola plataforma Salvemos Cabana e polos grupos de En Marea e Bloque Nacionalista Galego no Parlamento após coñecerse que o director xeral de Minas estaba a ser investigado por un suposto delito de prevaricación ambiental en relación co proxecto mineiro de San Fins, en Lousame.

O pasado mes de maio Alberto Núñez Feixoo saíu en defensa de Tahoces alegando que a concesión da canteira de San Fins foi outorgada hai máis de cen anos e renovada en distintas ocasións. "Como non imos confiar nel se levamos confiando moitos anos?" preguntouse Feixoo ante os medios de comunicación.

Tahoces asegurou esta mañá descoñecer a data na que terá que declarar perante o xulgado. A principios de maio, o xulgado de instrución número 2 de Noia suspendeu a súa citación despois de que o letrado da Xunta presentase un escrito solicitando máis tempo para examinar as actuacións.

Comentarios