Suspendida a declaración do director xeral de Minas imputado por prevaricación na mina de San Fins

O avogado da Xunta solicitou a suspensión da comparecencia de Ángel B. Tahoces para ter máis tempo para estudar a causa.

O Xulgado nº2 de Noia suspendeu a declaración do director xeral de Minas da Xunta de Galiza, Ángel B. Tahoces, que estaba citado como investigado (antes imputado) por prevaricación ambiental na explotación mineira de San Fins, en Lousame.

 

O letrado da Xunta solicitou máis tempo para poder estudar a causa, alegando o volume de actuacións, e esa petición foi aceptada pola xuíza posto que a Fiscalía non se opuxo. Tampouco rexeitou esa solicitude a acusación particular, que exerce Verdegaia.

 

O procedemento contra o director xeral parte da Fiscalía de Medio Ambiente. No proceso de reapertura da mina considera que puido haber irregularidades, denunciadas por plataformas, organizacións ecoloxistas e veciñanza.

 

Non houbo estudo de impacto, vertéronse augas residuais sen el, e ninguén respondeu polo estado das balsas mineiras, que conteñen metais pesados con potenciais efectos canceríxenos. Malia esa situación, a Xunta e en concreto a Dirección Xeral de Enerxía e Minas resolveu autorizar a reapertura da explotación.