A Xunta aproba a instalación da liña de alta tensión que afectará o Castro Lupario, a pesar das alegacións

O castro lupario esténdese entre os municipios de Teo, Rois e Brión. (Imaxe: Wikimedia)
O proxecto tamén afecta outros bens culturais e naturais como o Pazo de Faramello e o Camiño de Santiago portugués.

A Xunta da Galiza deu luz verde a unha liña de alta tensión de 40 quilómetros que atravesará unha decena de municipios, con inicio no parque eólico de Lousame e final na subestación eléctrica de Tivo, en Caldas de Reis.

A aprobación do Executivo galego chegou a pesar de que o proxecto recibiu numerosas alegacións da veciñanza dos diferentes concellos, o Consello da Cultura Galega e entidades como a Asociación Profesional de Conservadores-Restauradores de Bens Culturais do Estado español. Estas alegacións alertan da afectación ao Castro Lupario, entre os municipios de Rois e Brión, ao Camiño portugués e a outros bens culturais, tales como o Pazo do Faramello.

Ademais, varias comunidades de montes veciñais presentaron a súa desconformidade co proxecto e expuxeron o impacto sobre os seus terreos, cuestión que levou á Xunta a recorrer a unha aprobación en Consello como órgano competente para declarar a "prevalencia" da utilidade pública da liña de alta tensión sobre os montes veciñais á hora das expropiacións.

Como noutras decisións do Goberno galego, este acordo non foi feito público até case un mes despois de ser acadado. Precisamente, o pasado 4 de agosto o Consello da Xunta outorgou a autorización de construción.

Alegacións ao proxecto

Un informe do Consello da Cultura Galega sobre o impacto do proxecto desta liña de alta tensión conclúe que afecta de forma "crítica" a patrimonio como o Castro Lupario e o Camiño de Santiago no seu treito portugués.

A pedimento da Comunidade de Veciños de Angueira de Castro, este organismo emitiu este estudo, que sinala que a avaliación desta liña, ao seu paso pola parroquia de Santa Mariña de Ribasar, no concello de Rois, "presenta grandes carencias ao non ter en conta na súa integridade os valores culturais dese territorio nin a súa salvagarda".

"As liñas eléctricas de alta tensión son un dos ámbitos de especial atención paisaxística definidos no Catálogo das Paisaxes da Galiza e son recoñecidas como causantes de importantes impactos na paisaxe afastada que se percibe desde o Camiño de Santiago e de importantes interferencias visuais dentro do seu ámbito máis próximo", explica o informe.

O Castro Lupario atópase entre os municipios de Teo, Rois e Brión. Os dous últimos presentaron alegacións ante a súa posíbel afectación. A arquitecta municipal de Brión expuxo nun informe "o grave prexuízo" que causará o proxecto para o desenvolvemento cultural. Precisamente, o pasado mes de agosto voluntarios participaron en tarefas de conservación do castro para deixar ao descuberto as murallas defensivas e facilitar as tarefas a futuras escavacións.

Dirección Xeral de Patrimonio Cultural

A pesar do informe realizado polo Consello da Cultura Galega, a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural desestimou esta argumentación, ao soster que "non está fundamentada a existencia de valores culturais singulares e sobresaíntes que xustifiquen a existencia dunha paisaxe cultural singular merecente de protección na devandita categoría".

 "En canto aos elementos individuais integrantes do patrimonio cultural, moitos deles xa protexidos de forma específica, non se aprecian valores ou feitos que poidan modificar a avaliación ambiental realizada nin xustificar de forma suficiente a modificación da declaración de impacto ambiental aprobada, xa que ningún deles vaise ver afectado directamente e as medidas de salvagarda adoptadas para os inicialmente coñecidos, estendidas aos novos propostos, poden considerarse suficientes", concluíu o organismo.