O trazado dunha liña de alta tensión "afecta de forma crítica" o Castro Lupario

Esta quinta feira debátese en comisión parlamentaria a declaración como Ben de Interese Cultural do Castro Lupario, en Rois, procedemento que podería paralizar a obra dunha liña de alta tensión, cuxo trazado atravesa a contorna, afectando o castro, o Pazo de Faramello, o Camiño de Santiago e a aldea de Angueira de Castro.
WhatsApp Image 2021-02-23 at 16.43.02
photo_camera Panóramica da aldea Angueira, ao pé do Castro Lupario. (Foto: Nós Diario)

Na xornada de mañá a Comisión de Educación e Cultura do Parlamento debate sobre o inicio do procedemento para declarar Ben de Interese Cultural (BIC) o Castro Lupario situado no concello de Rois.

A iniciativa presentada polos deputados do Partido Socialista (PSdeG), Noa Díaz e Luís M. Álvarez, insta a Xunta a tramitar esta declaración para protexer o conxunto patrimonial e mais a contorna fronte ao proxecto dunha liña de alta tensión Lousame-Tibo, que atravesa o lugar.

Sobre esta cuestión remitía nos últimos días un informe, a petición da Asociación de Veciños de Angueria de Castro (Rois), o Consello da Cultura Galega. Na súa análise, o trazado proxectado por Rede Eléctrica “afecta de forma crítica” o patrimonio do Castro Lupario e mais da aldea de Angueira de Castro, así como o pazo do Faramello e un tramo do Camiño portugués a Santiago de Compostela.

Segundo o CCG o trazo que se propón "afecta directamente aos bens protexidos, á súa apreciación e á percepción dos seus valores culturais, deturpando a súa contorna e alterando o seu contexto histórico".

Rebeca Blanco-Rotea, coordinadora de Patrimonio e Bens Culturais do CCG, explica que “xa en febreiro de 2020 enviamos, desde a presidencia do Consello, unha carta de rexeitamento á liña de alta tensión”. No informe, “destacamos que o proxecto valoraba a presenza da liña de alta tensión como se afectase a elementos illados: o castro, o Camiño... e non como conxunto que é, formado por un territorio histórico".

“Non dicimos que non haxa que facer esta liña mais si consideramos que, polo menos nesta contorna, habería que propor unha alternativa ao trazado”, destaca Blanco-Rotea, que tamén lembra que o seu informe "non é vinculante".

Desde a Asociación de Veciños de Angueira de Castro, un dos seus membros, Xabier Olite, asegura que "se a comisión parlamentaria rexeita" iniciar o procedemento BIC "o seguinte é ir ao Parlamento e pór en cuestión as liñas de alta tensión". 

Sobre o inicio do conflito conta que "tivemos coñecemento do proxecto cando practicamente estabamos fóra do prazo de alegacións, foi levado con moito segredo". "Rede Eléctrica non se molestou en vir desde Madrid", destaca, "e onde está o castro viron o mellor lugar para situar unha torre...

E a Administración o único que fixo foi un trazado que bordease o castro, botando a liña enriba da aldea". Deste modo, sobre Angueira de Castro pasarían, explica Xabier Olite, "220.000 voltios, é como unha autoestrada eléctrica".

Comentarios