A Xunta admite que está a investigar as traballadoras que denunciaron as filtracións das inspeccións ás residencias

Unha persoa asoma pola xanela da residencia de maiores DomusVi de Outeiro de Rei (Foto: Carlos Castro / Europa Press)
Os colectivos de Traballadoras de Residencias da Galiza (Trega), o Movemento Galego pola Defensa das Pensións (Modepen) E Vellez Digna, denuncian que as inspeccións que desde a Xunta realizan a residencias son avisadas previamente.

Os colectivos de Traballadores de Residencias da Galiza (Trega), o Movemento Galego pola Defensa das Pensións (Modepen) e Vellez Digna, denuncian que as inspeccións que desde a Xunta realizan a residencias son avisadas previamente.

Este feito “xa non é ningún secreto, senón algo evidente desde hai anos, algo que todos os familiares saben, que Política Social boicotea a acción da súa propia inspección e mesmo minte nas respostas que dan ás nosas denuncias. Tamén se vulneran os dereitos de residentes e familiares ao negarnos o acceso aos expedientes e incluso ás actas de inspección, que son públicas, deixándonos indefensos ante os abusos das empresas e da propia Administración”, indican os tres colectivos a través dun comunicado.

Fabiola García, conselleira de Política Social, aseguran as tres plataformas “non persegue as graves irregularidades que se producen nas residencias, mais si intenta represaliar [declaracións de Iago Tabarés, deputado do BNG, en sede parlamentaria] aos inspectores que recentemente, e facendo alarde dunha gran valentía e ética, denunciaron esta situación; este é un comportamento impropio dunha Administración pública honesta, e ademais é ilegal, hoxe en día, perseguir aos que denuncian a corrupción”.

De acordo co comunicado ao que tivo acceso Nós Diario, estes colectivos indican que lles “sobran evidencias destes avisos, desde declaracións directas de traballadoras até o feito, constantemente repetido, de que antes da chegada dunha inspección todo cambia na residencia que vai ser inspeccionada: si teñen internos de máis, estes son sacados fóra ou escondidos, ese día poñen máis persoal a traballar; se se trata de inspección por unha denuncia de familiares, ocultan probas e evidencias, etc. O peor de todo isto é que detrás hai moito sufrimento, e grazas á Xunta, ese sufrimento mantense”.

No seu día ante as queixas dos inspectores, traballadores e familiares, a Consellaría de García “cambiou o sistema, de modo que o inspector decidía o centro a inspeccionar entre os que tiña asignados, debendo informar a Xefa de Servizo só no momento de iniciar a inspección”, imposibilitando así “avisar aos centros con tempo para agochar irregularidades”.

Ante o “evidente aumento da eficacia nas inspeccións volveron ao anterior sistema, o que permite as inspección con preaviso, sen aclarar os motivos da decisión e sen xustificación ningunha. En definitiva, desde a Consellaría de Fabiola García, trabállase na protección das empresas e non dos residentes”.

A Xunta e a investigación

Esta quinta feira, o presidente da Xunta da Galiza, Alfonso Rueda, foi preguntado por este tema e asegurou que levara a cabo unha investigación para “saber exactamente o que pasou e se hai persoas responsábeis. O que quere a xente é que investiguemos de modo amplo”.

Segundo puido saber Nós Diario esta quinta feira, a Xunta quere investigar tamén as persoas que alertaron das filtracións nas propias residencias, algo que a Xunta recoñeceu.

Con todo, matizan que se está a investigar "toda a Inspección" e que non hai ánimo de "perseguir" a quen alertou das supostas filtracións.