A Xunta adianta a saída da emerxencia sanitaria a esta sexta feira

Imaxe de arquivo de consumidores nas terrazas da Coruña. (Foto: M. Dylan / Europa Press) #coronavirus #covid19 #restricións #sergas #pandemia #acoruña #terrazas #hostalaría

A declaración do estado de emerxencia sanitaria o 13 de marzo de 2020 na Galiza supuxo, entre outras cuestións, a activación do Plan territorial de emerxencias de Galicia (Platerga) no seu nivel de emerxencia de interese galego (IG). Dezanove meses despois, o Goberno galego dá por concluída esta situación extraordinaria, que esta mesma sexta feira (unha xornada antes do que se anunciou por parte das autoridades) xa non está vixente e, por conseguinte, queda "desactivada" esa medida, que deberá ser comunicada hora á Axencia Galega de Emerxencias.

A decisión, que non afecta polo momento aos protocolos educativos e que se entenderá “sen prexuízo da adopción polas autoridades competentes”, tómase nun escenario no que a incidencia está en descenso desde o 21 de xullo, con tres tramos de diferente intensidade no descenso. O 28 de setembro foi o día en que se detectou o terceiro cambio, con porcentaxe diaria de -1,8%.

O Diario Oficial da Galiza (DOG) publicou, ao fío da medianoite da quinta á sexta feira, unha edición bis na que se recolle o acordo do Consello da Xunta polo que se levanta o estado de emerxencia sanitaria que, na práctica, unicamente proporciona un cambio de marco xurídico para a adopción das normas de prevención contra a Covid-19.

Seguen vixentes -até a publicación das novas medidas, que o Goberno esperaba poder facer efectivas este sábado- as restricións de ocupación (ao 90% de forma xeral) que rexeron até agora.

De feito, o propio diario oficial, que subscribe o levantamento das medidas que se decretaron coa chegada da chamada 'nova normalidade' en xuño de 2020 (cando a Galiza saíu do estado de alarma estatal), tamén matiza que, polo momento, seguen vixentes as últimas normas de restrición adoptadas pola Consellaría de Sanidade (de hai dúas semanas).

É dicir, o Goberno galego ten pendente de publicar (para a súa entrada en vigor) a decisión de elevar ao 100% as capacidades en hostalaría, lecer nocturno e resto de actividades.

A intención é que entren en vigor este sábado, unha vez que o Tribunal Superior de Xustiza da Galiza (TSXG), autorizou pedir o certificado Covid no lecer nocturno na mañá da sexta feira.

O diario oficial tamén recolle que será a persoa titular da Consellaría de Sanidade a que, como autoridade sanitaria, "estabelecerá as intervencións públicas necesarias para garantir os dereitos e deberes" dos cidadáns e, en particular, a adopción de medidas no artigo 38 da lei de saúde galega.

Mantense o protocolo no ensino

Polo momento, mantéñense os protocolos de adaptación á Covid-19 nos centros de ensino non universitario da Galiza para o curso 2021-2022, co texto do 1 de setembro deste ano, e que fixeron conxuntamente as consellarías de Sanidade e de Educación, e sucesivas adaptacións.

Precisamente, a desescalada nos colexios é unha das cuestións que cobrou actualidade nos últimos días e, en concreto, está a debate o uso das máscaras nos recreos ao aire libre. Tamén está pendente a relaxación de medidas respecto do acompañamento das nais, pais ou titores aos nenos nos colexios, que actualmente non está permitida.

"O protocolo será plenamente aplicábel até que os órganos competentes acorden a finalización da vixencia das actuacións coordinadas en saúde pública fronte á Covid-19 para centros educativos durante o curso 2021/22", sinala o DOG.