Xuízo do Alvia

O avogado do maquinista achega unha versión posterior das regras de enxeñaría: "Adif entregou de mala fe outras non vixentes"

A xuíza, Elena Fernández Currás. (Foto: Álvaro Ballesteros / Europa Press)
A xuíza apuntou que "a primeira mala fe procesual é a da parte que fai este tipo de presentacións nestes termos cando do cuestionamiento das vixencias das transicións xa se falou neste xuízo".

O xuízo polo accidente do tren Alvia, ocorrido en xullo de 2013 en Angrois (Santiago), retomouse esta terza feira co estudo dun documento con alegacións que presentou na segunda feira o avogado que exerce a defensa do maquinista procesado, Francisco Garzón. No seu escrito, achega "o que di que son as normas de enxeñaría que estaban vixentes desde marzo de 2011", segundo constatou a xuíza Elena Fernández Currás, quen deu un tempo de 30 minutos ás partes para analizar o documento e decidir se o engadían á macrocausa, como así foi.

"Con cento e pico mil folios de causa, dáme absolutamente o mesmo ter uns folios máis", apuntou, pola súa parte, antes de incidir en que non tería "ningún inconveniente" en incorporar o documento "sen prexuízo" de que as testemuñas das partes e os peritos xudiciais, que declaran durante varias sesións deste mes, "poidan ter coñecemento disto".

O letrado do maquinista, segundo a xuíza, "fai unha serie de alegacións" no seu escrito no que indica que as regras de enxeñaría "foron solicitadas polo perito [César] Mariñas" e critica que "de mala fe Adif achegou unhas que non estaban vixentes" en 2011.

Adif deixou sen 'ERTMS' a curva

A avogacía do Estado, que representa a Adif, entregou ao xulgado de instrución a versión 2.4.0, e a que entrega agora a defensa de Garzón é a 2.4.2. As regras de enxeñaría, cuxo autor é o experto Jorge Iglesias, quen xa declarou no xuízo, son as que estabelecen onde situar as transicións duns sistemas de control, mando e sinalización a outros, e nelas baséase Adif para xustificar o punto no que colocou o paso de 'ERTMS' a 'Asfa' na liña do accidente, antes da curva da Grandeira, no barrio compostelán de Angrois, o que supuxo deixala desprotexida.

Con todo, Iglesias e outros expertos avisaron de que era posíbel situar a transición máis adiante ou na propia estación, de modo que A Grandeira si contaría con 'ERTMS', o que, segundo estes especialistas, evitaría o descarrilamento. A versión máis recente, a que esta segunda feira entregou á xuíza o letrado que defende a Garzón, é a que indica que para decidir os puntos de transición hai que estudar cada proxecto concreto.

Engade, segundo a maxistrada, "unha serie de cualificativos un tanto arriscados". De feito, Fernández Currás considerou que "a primeira mala fe procesual é a da parte que fai este tipo de presentacións nestes termos cando do cuestionamiento das vixencias das transicións xa se falou neste xuízo".

"Xa houbo testemuñas ou testemuñas-peritos que declararon que non había ningún inconveniente en facer a transición na estación ou no [sinal] E8... Outros que dicían que non, que tiña que ser o E7", lembrou.

Así, a xuíza censurou "a achega sorpresiva desta documentación" e tamén sinalou que até a avogada da plataforma de vítimas "cuestionou" se as regras de enxeñaría achegadas por Adif en fase de instrución "eran as vixentes". "Díxoselle que esas eran as que obraban na causa e que de haber outras xa indagaría eu de ser necesario", apostilou.

Non haberá cambios

En todo caso, segundo advertiu a titular do xulgado, "o que de ningunha maneira vai haber" é "ningunha modificación do calendario a efectos de que os peritos poidan ter en conta nada". Nin o fiscal nin o avogado do estado teñen coñecemento do escrito, ao carecer do programa LexNET, segundo sinalou a xuíza, de aí o receso, para darlles traslado e que "o poidan valorar".

"Non houbo estafa procesual"

Na súa quenda, o avogado do Estado manifestou "moitas dúbidas de que sexa aplicábel" o amparo ao que apelaba a defensa de Garzón, e asegurou que as normas de enxeñaría achegadas "son as que constan na memoria do proxecto modificado". Así, rexeitou a "mala actuación" e a "estafa procesual" que se atribuían.

De feito, resaltou que a versión máis nova é a que abre a "posibilidade de que se estabeleza unha excepción á regra xeral", que fixa que "a transición deba realizarse en traxecto e antes dun sinal avanzado". Ao seu xuízo, a regra xeral é a que se aplicou "de forma razoábel". Por todo iso, negou "estafa procesual" e opúxose a que haxa un "xuízo paralelo" nos medios de comunicación.