Vandalizan un tren en Catoira con pintadas sobre o accidente do Alvia: “O maquinista non foi”

Pintada no tren (Imaxe: Europa Press)

Un grupo de mozos vandalizou na tarde do sábado un tren en Catoira con pintadas que, en referencia ao xuízo polo accidente do Alvia, reclamaban “xustiza”.

Tal e como compartiron en redes sociais algúns dos pasaxeiros que a primeira hora do sábado realizaban o traxecto A Coruña-Vigo, un grupo de mozos pintaron con aerosois diversas partes do convoi.

Facían alusión ao accidente do Alvia, en Angrois (Compostela), de 2013, para reclamar “xustiza” e para reivindicar que “o maquinista non foi”. O maquinista do Alvia sinistrado o 24 de xullo de 2013, Francisco Garzón, é un dos procesados polo ocorrido na curva compostelá de Angrois xunto ao director de seguridade na circulación de Adif naquel momento, Andrés Cortabitarte.

Tanto o persoal do tren como algúns pasaxeiros, que censuraron ademais a pintada, tentaron evitar o acto vandálico, aínda que sen éxito. Segundo a Garda Civil, unha persoa que non foi identificada accionou a panca de emerxencia do tren, circunstancia que alertou o persoal de seguridade do tren, que localizou no exterior o grupo de mozos.

As forzas de seguridade apuntan a dous mozos como causantes da vandalización, aínda que nos vídeos que circulan polas redes sociais poden verse máis persoas que, finalmente, fuxiron, non sen antes facer as pintadas. Tamén se percibe como empregados de seguridade bateron coas porras os mozos.

Renfe anuncia que denunciará os feitos

Renfe informa de que interporá unha denuncia por unhas pintadas, asegura, que provocaron a inmobilización de dous vagóns afectados, á espera da súa limpeza. A operadora cifra en 15 millóns a cantidade anual que destina a reparar os danos provocados nos coches dos trens polas pintadas.