Xuízo do Alvia

Quince peritos comparecerán no xuízo do Alvia como feche da acción penal

Vista xeral da sala da Cidade da Cultura na que decorre o xuízo polo accidente do Alvia. (Foto: Álvaro Ballesteros / Europa Press)

O xuízo do accidente do tren Alvia chega á recta final da acción penal coas comparecencias de 15 peritos. A parte civil comezará o 14 de febreiro coas declaracións admitidas de 522 testemuñas.

O xuízo polo accidente do tren Alvia encara a recta final da acción penal desde esta terza feira 10 de xaneiro e até o vindeiro 8 de febreiro, período de tempo no que está previsto que comparezan un total de 15 peritos, un por xornada.

O xulgado sinalou unha intervención por día de cada un dos peritos que testificarán na acción penal debido á amplitude e complexidade dos seus informes.

No banco dos acusados sentan o maquinista, Francisco Garzón, e o ex director de seguridade de Adif, Andrés Cortabitarte. No caso do maquinista sinálaselle que comezou a frear tarde e tomou cun exceso de velocidade a curva de Angrois, en Santiago, fóra de lugar pola chamada do interventor.

Ao responsábel da empresa encargada de velar pola seguridade nas vías atribúeselle a obriga de realizar unha análise de riscos para detectar e mitigar o perigo da devandita curva.

A ambos se lles imputan 80 supostos delitos de homicidio e 145 de lesións por imprudencia profesional grave.

Peritaxes e informes

Esta terza feira 10 de xaneiro comezará coas declaracións de Manuel Conde, en relación con informes sobre caixas negras e de carácter técnico de Renfe.

Para o día seguinte, 11 de xaneiro, está convocado o primeiro dos tres peritos que designou a Xunta por sorteo. En concreto, o enxeñeiro industrial José Manuel Lamela que examinou e apoiou o material rodante do tren sinistrado.

A quinta feira 12 de xaneiro seguirá o xuízo coa intervención do enxeñeiro de camiños Juan Carlos Carballeira, o perito que copiou parágrafos enteiros do informe da Comisión de Investigación de Accidentes Ferroviarios (CIAF) para elaborar as súas conclusións sobre o sinistro.

Xa para a semana seguinte, o 17 de xaneiro, está citado o enxeñeiro de telecomunicacións César Mariñas, o único dos tres peritos que sostivo durante a fase de instrución que o accidente evitaríase co proxecto orixinal, que levaba o sistema de control da velocidade 'ERTMS' até a estación de Santiago.

Na sesión da cuarta feira 18 de xaneiro está prevista a comparecencia de Edmundo Parras, secretario da CIAF desde comezos de 2008 aínda que na actualidade xa non ocupa ese cargo. Informará, ademais de sobre o documento elaborado por este organismo —que culpa unicamente ao maquinista—, acerca da reunión que mantivo co ex xefe de seguridade da Axencia Ferroviaria Europea, Christopher Carr, crítico coa investigación realizada polo Estado español.

O día 19 será a quenda de Enrique Castelo Ron, catedrático da Universidade de Cantabria a quen encargou un informe o perito xudicial Juan Carlos Carballeira e que, nun documento achegado á causa, sostivo que a metodoloxía de Adif para avaliar riscos "non era a máis adecuada".

Para o 24 de xaneiro están programadas as declaracións conxuntas de Frans Heijnen e James Robert Catmur, que elaboraron unha peritaxe para a aseguradora de Renfe, QBE.

Na cuarta feira 25 figura na planificación Ismael Martín Maldonado, proposto por Adif en cuestións previas para ratificar o informe da Axencia Española de Seguridade Ferroviaria sobre o nivel de seguridade operacional da rede ferroviaria de interese xeral.

O día 26, o perito proposto por Renfe José Luis Pinel exporá o seu informe, co que cuestionou decisións de Adif na liña entre Ourense e Santiago.

Fechará o mes Antonio Pujol o 31 de xaneiro. Director da empresa especializada en instalacións ferroviarias Airtren -que ten entre os seus clientes a Adif, Renfe, o Ministerio de Fomento e a Axencia Estatal de Seguridade Ferroviaria-, este especialista recibiu agora outros 60.000 euros por actualizar o informe polo que xa cobrou con anterioridade e, precisamente, para preparar a súa comparecencia.

Comparecencias en febreiro

Febreiro comeza, o día 1, coa directora de seguridade de Adif, Esther Mateo, quen tamén elaborou unha peritaxe a pedimento do administrador de infraestruturas ferroviarias.

O 2 de febreiro está previsto que declare Miguel Yunquera por un informe a proposta do avogado do maquinista, que tamén encargou peritaxes a Angel Sanz Cubero (día 7) e a especialista en factor humano Pilar Calvo (8 de febreiro).

A acción civil

O inicio da práctica da acción civil está sinalado para o 14 de febreiro de 2023. A partir dese día resérvanse as terzas, cuartas e quintas feiras para a proba documental, as conclusións e os informes.

O xulgado admitiu as declaracións de 522 testemuñas —declararán unha media de 15 ao día—, 21 testemuñas/peritas e 126 peritos, sen prexuízo de que as partes desistan dalgunha testifical antes ou durante o xuízo.