Xubilados galegos urxen a apertura de negociacións para pór fin á guerra en Ucraína

Edificio destruído en Hulyaipole, Ucraína. (Foto: David Young / Dpa)
Aluden a acontecementos recentes, "nomeadamente o ataque ao encoro do río Dniéper, de tan dramáticas consecuencias sobre a poboación civil".

Os nosos maiores moven ficha. Un grupo de xubilados e xubiladas na Galiza está a artellar un manifesto que, avanzan, tentará concienciar a cidadanía e máis concretamente ás autoridades "galegas, españolas e internacionais", ás que lles farán chegar o documento, sobre a necesidade de "abrir negociacións" para pór fin á guerra que estoupou hai xa un ano e tres meses en Ucraína após a invasión rusa.

En moi poucos días, afirman, conseguiron o apoio á súa iniciativa dun "importante número de persoas de dilatada traxectoria política" pertencentes a diferentes ámbitos sociais: ex catedráticos das universidades galegas como Xesús Alonso Montero ou o ex reitor da UDC Xosé Luís Armesto Barbeiro; dirixentes sindicais, como Antolín Alcántara ou Xesús Chaves Fandiño; ex-secretarios da CIG, como Suso Seixo e Fernando Acuña;  ex deputadas e deputados dos parlamentos galego e español, como Pilar García Negro, Guillerme Vázquez ou Fernando Branco; xornalistas como Antonio Ojea Pérez ou Gustavo Luca de Tena; escritores como Suso de Toro, Xosé Luís Méndez Ferrín, Vítor Vaqueiro e Xosé María Álvarez Cáccamo, ou a directora de cinema Margarita Ledo, entre outras personalidades.

No seu escrito, as xubiladas e os xubilados urxen "o inicio de xestións diplomáticas no senso que reclaman dirixentes e organismos tan diferentes como a Unión Africana, Lula da Silva, Xi Jinping ou o Papa Francisco co obxecto de conseguir canto antes un cesamento ao fogo que leve a un acordo de paz definitivo".

"Os últimos acontecementos, nomeadamente o ataque ao encoro [do río Dniéper], de tan dramáticas consecuencias sobre a poboación civil, e o feito de que entre os posíbeis candidatos á secretaria da OTAN figure o actual presidente en funcións do goberno español, Pedro Sánchez, torna aínda máis urxente o apelo destas xubiladas e xubilados que instan as autoridades a emprenderen de inmediato accións diplomáticas que conduzan a unha situación de paz e senten as bases de novas relacións internacionais non baseadas no unilateralismo nin na imposición política, económica ou militar duns estados sobre outros", inciden, a través dun comunicado.

Coa fin de comentar co representante do Goberno español, solicitaron o pasado 24 de maio unha entrevista co Delegado do Goberno na Galiza, José Ramón Gómez Besteiro, agora en funcións após confirmarse que deixará o cargo para liderar a lista do PSOE ao Congreso por Lugo. Mais, a pesar do tempo decorrido, a súa solicitude "non tivo resposta", afirman, polo que valoran presentar o escrito perante rexistro.