Xosé Manuel Golpe, técnico en enerxías renovábeis

Xosé Manuel Golpe: "Teño claro que non precisamos todos os proxectos eólicos que están a chegar"

Xosé Manuel Golpe, experto en eficiencia enerxética e comunidades produtoras locais (Foto: Nós Diario).
É posíbel un modelo de produción enerxética baseado no autoconsumo, a eficiencia e a participación cidadá? O experto en enerxías renovábeis Xosé Manuel Golpe analiza para 'Nós Diario' o "innecesario" inzamento masivo de parques eólicos na Galiza e as comunidades locais como alternativa.

En que consiste unha comunidade enerxética local?

Basicamente, consiste nun grupo de persoas que persegue unha acción común, que é xerar e consumir enerxía procedente de fontes renovábeis. Porén, hai moito camiño por percorrer a nivel lexislativo, xa que a Administración só estabeleceu a definición do concepto. E que significa exactamente "local"? Pode ser un barrio, unha aldea, un concello, unha comarca...

O concepto de comunidade enerxética non dista moito das promotoras de enerxías renovábeis que temos hoxe, mais loxicamente ten que ser socialmente responsábel, non podes instalar un aeroxerador eólico de 200 metros de altura fronte ás casas como moitas empresas pretenden facer. Son proxectos máis pequenos e orientados a unha poboación definida. —Quen pode tomar parte nestes proxectos? Para participar débense cumprir os seguintes supostos: vivir a menos de 500 metros da estación xeradora, que todas as persoas autoconsumidoras estean conectadas ao mesmo centro de transformación e que estean rexistradas na mesma referencia catastral —tendo en conta os 14 primeiros díxitos—.

Cal é o custo económico de pór en marcha un proxecto así?

Baseándonos no modelo máis utilizado até o de agora, o autoconsumo compartido, a maior instalación que podes facer ten un custo moi baixo. Falamos duns poucos centos de euros, para unha comunidade de cinco ou seis veciñas pode saír nuns 1.000 ou 1.200 euros, mais tamén depende das dimensións do proxecto.

É un custo moderado, eu falaría máis ben en tempo de retorno: á volta de cinco anos podes ter o desembolso inicial recuperado, o cal fai as comunidades enerxéticas moi atractivas.

Que vantaxes ten este modelo de produción enerxética en comparanza co actual?

Fronte ao modelo actual, estes proxectos permítennos falar de empoderamento cidadán, de prosumidores —produtores que autoconsomen a súa propia enerxía—, xeración distribuída no canto de concentrada e soberanía enerxética.

Ao poder controlar tanto o consumo como a xeración, o sistema produtivo é máis eficiente e o custo enerxético é menor?

Dado que a xeración e o consumo radican no mesmo punto e a proximidade é moito maior, estanse a eliminar moitas perdas de rede. Boa parte da enerxía galega está a chegar a Madrid, cunhas perdas moi considerábeis no traxecto. Responde ao modelo centralizado dos anos 70, cando había que situar as centrais onde estaban as minas de carbón, e agora seguimos nesa dinámica.

Coas comunidades enerxéticas rachamos en parte con ese esquema, xa que podemos ter pequenas centrais de produción radicadas por todo o país e autoxestionadas, cunhas perdas de rede moito menores.

Na Galiza estase a tramitar máis dun cento de parques eólicos, sumados aos que xa están operativos. Precisa o país estas novas infraestruturas?

Segundo os datos que nos adiantaron do feche do exercicio de 2020, Galiza exportou enerxía o pasado ano, o que xa nos dá unha idea de se precisamos máis ou non. Desde o meu punto de vista, non, mais o que si teño claro é que non precisamos todos os proxectos que están a chegar.

Que opina da planificación eólica na Galiza?

É posíbel que precisemos algunha nova infraestrutura, mais é mellor apostarmos polo camiño do repotenciamento e buscar unha maior eficiencia enerxética. Non se trata de atravesar de novo os montes con eses monstros de centos de metros de altura. Que algún parque eólico máis fará falta? Seguramente si, mais non esas esaxeracións que propoñen desde Madrid de instalar milleiros de megawatts de potencia a maiores. Algún máis vai caer, mais iso é unha auténtica burrada.

Fronte ao modelo produtivo actual, cre que sería conveniente apostar por unha maior racionalización do consumo enerxético?

No campo da eficiencia enerxética queda aínda moito traballo por facer, en todos os sectores. No industrial están moi concienciados porque lles repercute no peto, xa que a menor consumo por unidade producida maiores rendementos obteñen.

Temos por diante moito traballo de concienciación. No eido doméstico acontece algo curioso: canto máis eficientes somos, máis consumimos, e é unha falacia pensar o contrario. É o que se coñece como "paradoxo de Jevons" —polo economista inglés do século XIX William Stanley Jevons—, e os datos e a miña experiencia propia ratifícano.

A que se debe esta cuestión?

Temos un exemplo moi evidente, o do televisor. Cando eu era novo, na casa dos meus pais había un que consumía 400 kilowatts cada vez que arrincaba, e agora hai catro, que son moito máis eficientes, mais sumando a enerxía total e sobre todo polo aumento das horas de consumo de televisión, o gasto é maior. Tamén podemos fixarnos nos teléfonos móbiles, cuxa carga supón centos de xigawatts a diario.

As comunidades enerxéticas ofrecen múltiples opcións

Xosé Manuel Golpe apunta que aínda non hai ningunha comunidade enerxética local operativa na Galiza, mais si numerosos proxectos "en distintas fases". Salienta o do polígono Novo Milladoiro —Ames—, moi avanzado, así como o da Comunidade de Montes de Tameiga —Mos— e o que prepara o concello das Pontes: "Esta é unha proposta moi ambiciosa, queren mudar o paradigma enerxético no municipio a través da produción autóctona dunha comunidade enerxética", explica.

Aliás, pon o foco no amplo abano de oportunidades destes proxectos: "Podes mellorar a eficiencia enerxética dun edificio, contribuír á mobilidade eléctrica creando puntos de recarga para vehículos ou montar unha caldeira de biomasa para a veciñanza. Ao ser proxectos tan medidos, o impacto é moi baixo", di.