A Galiza que deixa Feixoo en 10 cifras

EuropaPress_3720172_presidente_xunta_galicia_alberto_nunez_feijoo_vicepresidente_primero (1)Rueda

Os datos non deixan lugar a dúbidas sobre os resultados da xestión de Núñez Feixoo na Xunta. Os diversos indicadores retratan unha Galiza con moito menos emprego, máis desigualdade e cunha fenda cada día maior coa media do Estado español e da Unión Europea. Nós Diario recolle as cifras destes últimos 13 anos de Feixoo.

 

Emigración

73.512 mozas e mozos galegos de entre 16 e 29 anos víronse obrigados a abandonar a Galiza camiño da emigración entre 2009 e 2019. Segundo recolleu o Consello Económico e Social no seu informe sobre a empregabilidade da mocidade na Galiza, a maior parte dela, 48.298 persoas novas, desprazáronse a diversos puntos do Estado español, recalando o grupo máis numeroso en Madrid, sendo o destino de 24.214 outras partes do mundo, moi particularmente os países tradicionais de acollida da emigración galega en Europa.

Traballadoras e traballadores autónomos

23.213 autónomos desapareceron na Galiza desde marzo de 2009. Se nesa data o número de traballadoras e traballadores por conta propia ocupados chegaba a 231.158, a cifra reduciuse até 207.945 en febreiro de 2022. Neste sentido, 2010 -con 7.457 empregos menos-, 2011 -con 4.637 menos- e 2012 -con 3.173  menos- foron os peores anos para o colectivo, que non conseguiu recuperar as baixas nos exercicios seguintes. Así, resulta significativo que en ningunha anualidade deste período, agás en 2021, aumentou o número de empregados no réxime de autónomos.

Emprego na industria

33.555 foron os empregos destruídos na industria, habendo 154.860 persoas ocupadas neste sector en decembro de 2008 e 121.305 na actualidade. Así, A economía galega. Informe 2019/2020, un traballo elaborado polo Instituto de Estudos e Desenvolvemento da Galiza (Idega) da USC, certifica a desaparición de 2.470 empresas no período e “reflicte unha preocupante caída na actividade industrial”, pasando o Índice de Produción Industrial (IPI) de 140,1 en 2007 a 105,1 en 2019 e marcando unha baixa de 35 puntos.

Explotacións gandeiras​

15.986 explotacións gandeiras de bovino son as que se perderon na Galiza desde 2010. Mentres nesa anualidade mantíñanse activas 45.268 explotacións de gando bovino -5.753 estaban centradas na ceba, 12.759 no leite, 24.584 na carne, 461 no leite e na carne e 79 na recría de xovencos- en 2020 contábase con 29.282 granxas de bovino, 3.295 das cales estaban dedicadas á ceba, 6.586 ao leite, 18.879 á carne, 461 ao leite e á carne e 79 á recría de xovencos.

Débeda pública

7.760 millóns de euros é o incremento que experimentou a débeda pública galega desde que Núñez Feixoo chegou á Presidencia da Xunta. En 2008 a débeda estaba en 3.954 millóns, representaba 6,80% do Produto Interior Bruto (PIB) e unha carga para cada habitante de 1.429 euros. Doce anos máis tarde, a débeda pública chegou a 12.207 millóns, equivalendo a 18,72% do PIB e anotando unha contía de 3.680 euros por habitante.

Atención Primaria

74,8 millóns de euros menos de investimento ten a Atención Primaria na actualidade a respecto de 2009. Mentres que nos orzamentos de 2022 a Xunta da Galiza consignaba 1.389 millóns de euros para a Primaria, en 2009 esa cifra era de 1.436 millóns, que coa suba do Índice de Prezos do Consumo (IPC) equivalerían hoxe a 1.619 millóns. Segundo os datos fornecidos polo Ministerio de Sanidade para 2018, último ano con cifras, a Galiza destina á Atención Primaria 182,3 euros por habitante, situándose só por diante de Madrid e Illes Balears.

Dentista

359.800 galegos e galegas non puideron acudir ao dentista por carecer de medios económicos para facer fronte ao pagamento da consulta. A Enquisa Europea de Saúde 2020 indicaba que 284.400 residentes na Galiza acudiran a unha consulta de odontoloxía nos últimos tres meses e 922.900 no último ano. Porén, 1.134.400 galegos e galegas afirmaban non ter recibido asistencia dental no último ano e 18.700 non ter acudido ao dentista en toda a súa vida.

Enerxía

2.696 millóns de euros foi o que ingresaron as empresas enerxéticas en 2021 polas plantas de xeración eléctrica que posúen na Galiza. As compañías máis beneficiadas por esta operativa foron Iberdrola, Naturgy, Endesa e Acciona, todas elas con sede fiscal en Madrid, onde tributan polos beneficios obtidos na Galiza. 28,1% do total da electricidade producida no país dedicouse á exportación, sendo a capital do Estado o territorio máis beneficiado.

Aforros

26.833 millóns de euros foi o aforro das galegas e galegos expatriado polo sector financeiro nos tres primeiros trimestres de 2021. Segundo os datos do boletín do Banco de España, o total dos depósitos custodiados polos bancos con actividade na Galiza é de 74.481 millóns de euros, representando os créditos das mesmas entidades 47.648 millóns de euros, o que xera un fuga de capitais de capitais de 26.833 millóns.

Medios públicos

201 sextas feiras son as que levan protestando profesionais da Corporación de Radio e Televisión da Galiza cos 'Venres negros', denunciando a manipulación informativa. Defende a Galega reivindica que a CRTVG cumpra a lei e exixe que se comporte como un verdadeiro medio público.