Madrid é a principal beneficiada da drenaxe do aforro galego efectuada polos bancos

A banca expatriou 26.475 millóns de euros de aforro galego en 2021

Os datos recollidos na última entrega do boletín do Banco de España, referidos aos tres primeiros trimestres do ano 2021, sinalan que o sistema financeiro ten expatriado da Galiza nese período uns 26.475 millóns de euros cara a outros territorios, sendo a Comunidade de Madrid a principal beneficiada.

Sucursal de Abanca en Madrid. (Foto: Europa Press)
photo_camera Sucursal de Abanca en Madrid. (Foto: Europa Press).

A drenaxe do aforro galego polos mecanismos do sistema financeiro é unha realidade que vén de vello. De feito, foi obxecto de estudo e preocupación por parte dos economistas galegos desde os tempos de Alfredo Brañas, a finais do século XIX. A este tema, dedicáronlle traballos pioneiros Lois Peña Novo e Alexandre Bóveda, quen non dubidou en cualificar a expatriación dos aforros como unha das "mostras máis claras do maltrato a Galiza".

A mesma liña argumental seguiuna anos máis tarde Valentín Paz Andrade, sinalando que "o problema do noso atraso [...] é precisamente a imposibilidade que a Galiza ten para poder reter o aforro e facer que contribúa, como lle tocar, á mellora dos nosos paisanos, coutando a sangría do aforro colectivo".

"O máis fondo problema da Galiza"

A mediados da década dos 70, nunha dirección semellante, o executivo bancario Ramón Barral Andrade, no seu volume O aforro e o investimento en Galicia, afirmou que "o máis fondo problema para nós, da Galiza é a descapitalización ou fuxida do capital galego".

Xaime Illa Couto puxo de manifesto na Revista de Economía de Galicia que "a suma das entidades financeiras operantes no ámbito galego cumpren de cheo, en organización, espallamento e actividade, a súa función de recolledora dos aforros xerados no país".

O economista Xosé Manuel Beiras, en O atraso económico da Galiza, destacou que "a drenaxe de activos financeiros é, por conseguinte, o primordial obstáculo á posibilidade de financiar unha suficiente formación interna de capital na Galiza co excedente obtido pola nosa poboación no labor produtivo. Esvaécese deste xeito a capacidade de crecemento autóctono do país".

Un problema que continúa na actualidade

O fenómeno continúa manifestándose na actualidade. Segundo as cifras achegadas polo boletín do Banco de España para os tres primeiros trimestres de 2021, o total dos depósitos custodiados polos bancos con actividade na Galiza é de 73.849 millóns de euros, representando os créditos das mesmas entidades 47.374 millóns de euros, o que xera unha fuga de capitais de 26.475 millóns de euros.

A contía representa unha baixada de 358 millóns de euros en relación co trimestre anterior, mais é superior á de 2019, cando se van expatriar 25.271 millóns de euros, sendo a 31 de decembro o monto do aforro galego de 66.819 millóns de euros e o total dos créditos de 41.548 millóns de euros.

O aforro galego significa 5,11% do total estatal mentres o crédito do sistema financeiro se sitúa en 3,79%, unha porcentaxe de máis de dous puntos inferior ao peso da poboación galega no conxunto do Estado. Ao tempo, o crédito per cápita atópase nos postos de cola a nivel estatal, destacando o aforro expatriado polos operadores bancarios unha contía económica considerábel, próxima a 44,7% do Produto Interior Bruto (PIB) galego e superior en 14.848 millóns de euros ao orzamento da Xunta de 2022.

O impacto da expatriación do aforro polo conglomerado financeiro é moi prexudicial para a economía galega. Neste sentido, o economista Xosé Díaz advirte "da descapitalización do país, a través da actuación do sistema financeiro operante na Galiza, que conduce a que os nosos depósitos non sexan realmente nosos".

Madrid, favorecida

Na mesma dirección, sinala que a lóxica dos créditos e dos depósitos "veñen presentarnos a situación histórica que a Galiza se lle fixo xogar, drenándolle parte do seu capital, dos seus aforros, para financiar o sector empresarial e, en xeral, o desenvolvemento e o benestar do resto do Estado, nomeadamente Madrid, sede da maioría do sector financeiro operante na Galiza".

Madrid é a gran beneficiada desta situación, atopándose nunha dialéctica totalmente diferente á galega. Así, o Banco de España sinala que a capital do Estado xera nos tres primeiros trimestres de 2021 26,81% do total do aforro estatal e recibe 28,84% dos créditos, porén dentro do aforro asignado a Madrid recóllense os depósitos da Administración xeral do Estado domiciliados en sucursais bancarias madrileñas, que representan 9,41% do total.

O crédito en Madrid ten aumentado en 3,6 puntos na última década como consecuencia do proceso de concentración do poder económico na capital do Estado, impulsado por diferentes decisións dos poderes públicos. Nesta orientación, ten unha especial significación o proceso de reestruturación bancaria, onde se adoptan medidas para favorecer o estabelecemento das sedes das entidades de crédito en Madrid.

Madrid sempre gaña

A drenaxe do aforro das galegas e galegos é un exemplo de como Madrid se beneficia da Galiza. Outro tanto acontece coa riqueza xerada polo vento e os ríos incorporados á conta dos resultados das compañías con sede fiscal en Madrid. E así pódese continuar con moitas empresas con actividade no país pero que tributan na capital do Estado.

Comentarios