Un xeriátrico de Pereiro de Aguiar suma unha de cada catro mortes de residentes na segunda vaga

Residencia privada de maiores en Allariz da Fundación San Rosendo (Imaxe: Arxina)
Nestas tres semanas de outubro faleceron 45 usuarios e usuarias de residencias contaxiadas de coronavirus, 96 desde o comezo da denominada 'nova normalidade'. A enfermidade golpeou con especial dureza neste mes algúns centros da área sanitaria de Ourense, a máis afectada polo coronavirus.

A negativa evolución da pandemia na Galiza deixa a súa pegada na cifra de falecementos. Se ben a letalidade é menor nesta segunda vaga de contaxios da Covid-19, só neste mes de outubro a Consellaría de Sanidade informou de 100 pasamentos, 45 deles en residencias. En agosto e setembro o total de falecementos notificados ascendeu a 137.

Esta segunda vaga está a afectar con especial dureza algunhas das residencias da Galiza, que suman 96 mortes desde o inicio da 'nova normalidade'. Neste mes de outubro, en medio do rápido ascenso dos contaxios en comarcas da área sanitaria de Ourense, Verín e Valdeorras, rexistráronse gromos en centros de Pereiro de Aguiar, Monterrei ou Ourense. 

O gromo de Os Gozos

O de Os Gozos en Pereiro de Aguiar, xestionado pola Fundación San Rosendo, foi dos máis virulentos. O 9 de outubro a Xunta tomou a decisión de intervir o centro, un día despois de detectarse 106 positivos entre os seus usuarios e usuarias. Desde entón faleceron 23 residentes, algúns en hospitais e outros na propia residencia. Case unha cuarta parte dos falecementos relacionados con xeriátricos nesta segunda vaga.

Na mesma xornada na que se notificou o gromo en Os Gozos, a Consellaría de Sanidade informou doutro no xeriátrico Val de Monterrei. Ambos os dous coincidiron coa aplicación de medidas máis duras nalgúns municipios da área sanitaria ourensá, como o confinamento perimetral nos de Ourense e Barbadás. Na residencia 46 persoas resultaron contaxiadas, das que faleceron 9 até esta sexta feira, 23 de outubro. 

Investigación da Xunta

No caso de Os Gozos, a Xunta analizará a orixe dos contaxios a nivel epidemiolóxico a través dos profesionais da saúde pública, como avanzou o conselleiro de Sanidade Julio García Comesaña. A oposición criticou que o propio persoal do centro criticara que os resultados das probas PCR do coronavirus demoraban en exceso, ligando esa tardanza coa rápida evolución do gromo.

Porén, nunha entrevista coa Cadena Ser, García Comesaña apuntou aos profesionais dos centros como a porta de entrada do virus. O conselleiro agregou que "o contaxio nunha residencia non depende de que se detecte cedo ou tarde un traballador infectado, depende dos circuítos e protocolos". 

Debate parlamentar

Precisamente esta semana, as mortes e gromos nas residencias da terceira idade marcaron parte do pleno parlamentar no Pazo do Hórreo. A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, preguntou ao presidente da Xunta e líder do Executivo galego, Alberto Núñez Feixoo, polas medidas tomadas para "blindar" os xeriátricos da Covid-19. Núñez Feixoo argumentou que se está a traballar nunha "proposta", que non detallou e agregou que o labor do persoal impedira unha maior incidencia do virus.

A portavoz nacionalista subliñou que 374 usuarios e usuarias de xeriátricos faleceran pola Covid-19 desde o comezo da pandemia. "Moitos non foron trasladados a hospitais", censurou Pontón. Unha cuestión que xa criticara duramente a Sociedade Galega de Xerontoloxía e Xeriatría en abril, cando cargou coa decisión de non trasladar aos residentes contaxiados a hospitais e advertiu que nin o persoal nin os xeriátricos están preparados para afrontar unha enfermidade infecciosa como a Covid-19. 

Casos activos

Na sexta feira, 23 de outubro, con 84 altas epidemiolóxicas, os casos activos en centros residencias da terceira idade ficaron en 235.  A maiores, detectáronse 7 novos casos; 6 nunha residencia de Viana do Bolo, na que tamén se notificaron outros 6 positivos entre o cadro de persoal, e unha no centro da Nosa Señora dos Anxos en Ribadavia.

Continúa como principal foco a residencia Os Gozos de Pereiro de Aguiar, con 151 persoas aínda contaxiada, á que segue o gromo detectado na cuarta feira no xeriátrico de Salvaterra de Miño, con 25 positivos; a residencia Ballesol de Oleiros, con 17 e mais a de DomusVi Lugo, en Outeiro de Rei, cun total de 13. A maiores, permanecen contaxiados 127 profesionais destes centros.