A vulnerabilidade das residencias e o fracaso das caixas acurralan Feixoo

A crise que está a provocar a segunda onda da pandemia nas residencias da terceira idade e o auto da Audiencia Nacional sobre o fracaso da fusión das caixas de aforros acenderon a sesión de control ao Goberno no Parlamento. Pontón e Caballero cargaron contra o que cualificaron de "inacción" e "fracaso" de Feixoo na Xunta.
Núñez Feixoo, Ana Pontón e Gonzalo Caballero, na sesión de control ao Goberno (Fotos:Arxina)
photo_camera Núñez Feixoo, Ana Pontón e Gonzalo Caballero, na sesión de control ao Goberno (Fotos:Arxina)

"É o momento de desterrar comportamentos incívicos" e "tocará sacrificar parcelas de liberdade" para preservar "un ben" maior -a vida e a saúde- afirmou o presidente da Xunta da Galiza, Alberto Núñez Feixoo, na sesión de control ao Goberno que esta cuarta feira, 21 de outubro, decorreu no Parlamento galego. 

O mandatario tirou de medias -insistindo en que Galiza é a comunidade con menos camas UCI ocupadas- e aludiu ás novas restricións da Xunta -que limitan as reunións e pon Galiza en nivel 2 e 3- para así esquivar os reproches sobre a falta de medios e de persoal nas residencias de maiores lanzados pola portavoz nacional do BNG e xefa da oposición galega, Ana Pontón.

E é que a nacionalista demandou na Cámara unha anticipación real á pandemia e blindar os centros residencias, onde esta quinta feira se rexistraban máis de 360 falecementos. Esa cifra, indicou Pontón, amosa que o colectivo de anciáns en xeriátricos -20.000 persoas- soporta 44% dos falecementos producidos na Galiza polo virus.

“Podemos entender que en marzo non houbera anticipación pero sete meses despois non foron capaces de blindar as residencias e só actúan cando se producen contaxios masivos e mesmo falecementos”, recriminou a líder da oposición. "Rectifique", instou a Feixoo, e "blinde de inmediato as residencias".

Intervir as residencias

A nacionalista demandou a Xunta que interveña todos os centros xeriátricos privados, incrementando o persoal e mellorando as condicións de traballo, revisando os protocolos e garantindo a realización de probas PCR ás e aos usuarios periodicamente.
Aliás, Pontón adiantou que o Bloque levará á comisión de reactivación económica e social un "novo modelo de atención ás persoas maiores baseado no público, nas antípodas do actual sistema en que empresas como DomusVi -maioritaria no sector e controlada por fondos voitre- fan da vellez un negocio”, argumentou. 

Perto de 37.000 persoas son as que se atopan actualmente nas residencias galegas, contando usuarias e o cadro de persoal, dixo Núñez Feixoo, "uns traballadores que parece que vostede despreza". Deste modo, o presidente recriminou a Pontón as súas palabras sobre a precariedade e explotación das e dos profesionais do sector residencial privado. 

"A Galiza é das comunidades autónomas con residencias da terceira idade menos afectadas", continuou o presidente, asegurando que 91% delas "están libre de coronavirus neste momento". 

E foi nesas que a nacionalista reprochou Feixoo por "volver escudarse" no argumento de que as residencias na Galiza están mellor que noutros territorios. "As e os maiores son persoas que temos que respectar e non merecen que se lles comparen con ningunha media e, en todo caso, empece dunha vez a mirar para os mellores e non para os peores, porque este país precisa un Goberno que non se renda contra a Covid-19 e porque non podemos asumir con normalidade o que pasa nas residencias", concluíu Pontón.

A xuventude como cabeza de turco

Residencia por residencia, Ana Pontón foi enumerando as persoas falecidas en cada centro na súa intervención no Parlamento. "Mentres, ten a desvergoña", espetou a Núñez Feixoo, "de dicir á xente moza que é irresponsábel e que provoca contaxios, ingresos na UCI e falecementos, unha acusación deshonesta que negan os propios datos do seu Executivo”.

E é que o presidente galego na súa comparecencia após o Consello da Xunta da pasada semana asegurou que o problema dos contaxios non estaba no eido laboral ou educativo, asegurando que "o elemento de risco non son as aulas", senón "o ocio persoal e os pisos universitarios". Nese sentido, a nacionalista pediu a Feixoo que en lugar de culpar a mocidade "pense na súa incapacidade para anticiparse, na súa incapacidade para aprender dos erros e actuar e no seu modelo de residencias que fai negocio coa vellez".

Lexislación sanitaria

Sobre a pandemia, Feixoo insistiu en que as medidas serán "máis eficientes" cando se tomen "de forma coordinada" e desde a "seguridade xurídica" no ámbito estatal. "Por iso non me cansarei de pedir unha lei -orgánica de saúde pública- para xestionar a pandemia, unha lei que dea capacidade ás autoridades de saúde pública para tomar decisións", recalcou, antes de defender que a vía non pode ser solicitar a declaración do estado de alarma. 

'F' de Feixoo e de "fracaso"

Após o Parlamento aprobar por terceira vez a creación dunha comisión de investigación sobre a fusión das caixas galegas, a súa bancarización e venda, e entre as peticións da oposición ao PP para que non volva bloquear a comisión, o secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, expuxo o "fiasco" da fusión na sesión de control. 

O socialista levou ao hemiciclo o auto da Audiencia Nacional que sostén, sobre a intervención do  FROB relativa ás caixas, que "a única razón" pola que tivo que actuar "foi pola situación económico-financeira en que se atopaba en 2010 Caixa Galicia, antes de que se producise a fusión" con Caixanova. E engade que esta última "nunca sería intervida de non verse obrigada a fusionarse con Caixa Galicia".

"Co 'F' de Feixo, de fracaso e de fiasco. Así acusou Caballero o presidente da Xunta de "forzar" no seu día a fusión das caixas de aforro e de xerar "un buraco de 8.000 millóns". Pola súa banda, o xefe do Executivo galego culpou o socialista de "manipular" o auto e defendeu que cando el tomou o mando da Xunta en 2009 as caixas de aforro galegas xa estaban "quebradas". Así mesmo, reafirmouse nos pasos dados como mellor fórmula para dar lugar a un banco ancorado na Galiza.
 

Comentarios