A Comisión Europea investigará a situación de residencias privadas galegas durante a pandemia

(Foto: Europa Press)

Após unha denuncia de Esqueda Unida.

 

A Comisión Europea iniciará unha investigación preliminar sobre a situación das residencias de maiores privadas situadas na Galiza durante a pandemia despois de que Esquerda Unida (EU) a denunciase

En concreto, a formación dirixiuse á Comisión de Peticións da Eurocámara para solicitar que se investigasen "a falta de medios e a vulneración dos dereitos das persoas de idade avanzada" en residencias galegas. Tamén pediu que se abordase "a súa discriminación na asistencia sanitaria" durante o estado de alarma aplicado pola crise da Covid-19.

A Comisión de Peticións aceptou a demanda e pediu á Comisión Europea que inicie unha investigación preliminar sobre a situación das residencias. Ademais, trasladou a petición á Comisión de Liberdades Civís, Xustiza e Asuntos de Interior e a Comisión de Medio Ambiente, Saúde Pública e Seguridade Alimentaria por tratarse das competentes nese ámbito.

Nunha rolda de prensa celebrada en Cangas, a coordinadora nacional de EU, Eva Solla, celebrou a resposta do Parlamento Europeo e avanzou que se trasladará a distintos colectivos que o proceso de adhesión á investigación permanece aberto á cidadanía por se consideran preciso apoialo.

Así, incidiu en que "hai que facer forza" para que a Eurocámara e a Comisión Europea "investiguen" esta situación "porque a Xunta non tomou nota" a pesar do ocorrido na primeira onda da pandemia, cando faleceron 294 usuarios de residencias aos que se sumaron 84 máis desde xuño.

En concreto, Eva Solla lembrou que a súa formación advertiu, xunto a colectivos e sindicatos, da "falta de medios humanos e materiais" nas residencias antes da entrada en vigor do estado de alarma. Ademais, sinalou que antes da pandemia o Consello de Contas convidou a redactar expedientes por falta de persoal.

A coordinadora nacional de EU remarcou que esta situación, "derivada da privatización do sistema de coidados" e "a falta de persoal", debe "ter unha contestación". Deste xeito, esperou que a investigación "sirva para que a Xunta mova ficha" e Galicia dispoña de servizos de coidados de persoas maiores que "respecten" os seus "dereitos fundamentais".

Tamén esta semana a portavoz do BNG en Europa, Ana Miranda, informou de que presentará unha denuncia na Comisión de Peticións da Eurocámara sobre a situación das residencias de maiores durante a pandemia.

Adicionalmente, o pasado mes de xullo, o Xulgado número 3 de Cangas admitiu a trámite unha denuncia presentada polas fillas de dúas usuarias da residencia de Aldán e abriu dilixencias contra varios cargos da Xunta e a conselleira de DomusVi España.