Tres de cada cinco persoas que abandonan o agro son mulleres

Unha muller titular dunha explotación agraria cobra, de media, uns 3.000 euros fronte os 5.000 que cobra un home, segundo Fademur. (Foto: Nós Diario).
O Ministerio de Agricultura e Pesca e alimentación vén de presentar o Diagnóstico da Igualdade de Xénero no Medio Rural en 2021. o último estudo sobre o papel das mulleres no mundo agrario era de 2011.

Dez anos despois do último estudo publicado, o Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación presentou onte o Diagnóstico da Igualdade de Xénero no Medio Rural en 2021, un informe que dá conta do papel das mulleres no ámbito agrario, dos avances rexistrados nunha década en materia de cohesión social e territorial, pero tamén de todas as melloras pendentes en materia laboral, usos do tempo, calidade de vida e estereotipos de xénero.

Persiste un desequilibrio que marca o futuro das mulleres en materia de conciliación, reparto de coidados, acceso a un traballo digno e servizos fundamentais

Nunha década, a poboación rural consolidou unha tendencia que xa se remarcaba en 2011: o seu envellecemento e masculinización. "Na Galiza, a poboación rural maior de 65 anos duplica a menor de 20", precisa Verónica Marcos, presidenta da Federación de Mulleres Rurais na Galiza (Fademur), quen acredita con cifras a segunda corrente:  "Tres de cada cinco persoas que abandonan o rural son mulleres". 

Segundo salienta a Nós Diario, a diagnose que deu a coñecer onte o ministro de Agricultura, Luis Planas, non revela grandes mudanzas e porfía en sinalar "unha dobre fenda: de xénero e territorial" que condiciona a vida da muller no rural. "Persiste un desequilibrio que marca o futuro das mulleres en materia de conciliación, reparto de coidados, acceso a un traballo digno e servizos fundamentais", unha carencia que mantén a percepción da calidade de vida no rural en cifras similares ás de hai dez anos remarcou o ministro Luis Planas.

Referiuse a unha "carencia grave", nomeadamente de transporte público e atención a persoas maiores e dependencia que afecta sobre todo ás mulleres, sinala Marcos. "A falta de servizos prexudica a parte social e no rural os roles de xénero aínda están moi marcados, por máis que este novo diagnóstico describa unha sociedade máis aberta e menos conservadora. As que se encargan das crianzas son as mulleres, as que se encargan dos maiores son as mulleres e as que se ocupan da casa son as mulleres".

Mercado laboral

O Diagnóstico da Igualdade de Xénero no Medio Rural en 2021 revela un lixeiro incremento da taxa de emprego da muller no sector agrario no Estado, de 49 a 51,6%, que non representa a Galiza, apostila Marcos. Porén, calquera mellora afecta máis á incorporación da muller ao mercado laboral que á calidade do emprego ou ao acceso a postos directivos.

O censo agrario en 2022 revela unha suba de 21 a 28% das mulleres titulares de explotación agrarias

Segundo destacou Planas, a muller segue a encabezar a ocupación de postos a tempo parcial e a asumir a maioría do traballo doméstico non remunerado. En dez anos as mulleres alcanzaron numerosos postos de perfil técnico, "mais o empresariado segue a ser masculino", afirmou o ministro de Agricultura, quen puxo o foco nas cooperativas agrarias.

Cunha base social feminina de 30% no conxunto do Estado, as mulleres só representan 1,8% das presidentas. "Na Galiza superamos esas porcentaxes. Un 45% das socias son mulleres e 9%, presidentas", destaca a presidenta de Fademur na Galiza.

Censo agrario 

A actualización do censo agrario en 2022 achegou outros datos para optimismo, unha suba de 21 a 28% das mulleres titulares de explotación agrarias. "Na Galiza temos o dato das perceptoras da PAC. 57% son mulleres". Un dato positivo que non é tanto, di Marcos porque a explotacións das mulleres son máis pequenas (6 ha. fronte as 14 de media dun home) e tamén cobran menos".