Xácome defende o gasto no concerto de Omar Montes entre críticas de "pufo" da oposición

O cantante Omar Montes xunto co alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Xácome (Foto: Rosa Veiga / Europa Press).
Nun comunicado, o rexedor ourensán sinala que, desde o punto de vista económico, o Concello desembolsou 50.000 euros, unha cifra "habitual para este tipo de artistas internacionais".

A pasada fin de semana a cidade de Ourense albergou o concerto de Omar Montes, unha cita que esta cuarta feira o alcalde, Gonzalo Pérez Xácome, cualificou como "das máis rendíbeis da historia da cidade", a pesar das críticas da oposición, que falan de "pufo" e "perversa manipulación".

Precisamente o rexedor municipal contestou con esta cualificación ás críticas vertidas polo edil de Ciudadanos, José Araúxo, que desvelaba que o caché foi de 62.000 euros máis IVE, ao que habería que sumarlle produción e conceptos como "escenario, ambulancias e vixiantes", polo que "ascendería até 92.000 euros de gasto".

A isto engadía que o único que se podía descontar é que se venderon en total 1.600 entradas, o que supuxo tan só 18.000 euros. "Son 75.000 euros de pufo", dixo o concelleiro.

A isto respondeu Pérez Xácome asegurando que o concerto "foi dos máis rendíbeis da historia da cidade" e que a presenza do artista "contribuíu á promoción turística diante de millóns de persoas".

Nun comunicado sinala que, desde o punto de vista económico, o Concello desembolsou 50.000 euros, unha cifra "habitual para este tipo de artistas internacionais".

Indica ademais que "dos 76.000 euros que custou o concerto" financiáronse 26.000 euros "con entradas vendidas a prezos populares", garantindo que se venderon 2.175 dun total de 2.500 que se puxeron á venda, contrastando co número achegado polo edil de ciudadanos.

"Reverter o exterminio cultural"

Sobre estas declaracións posicionouse o Partido Socialista, que denunciou "a perversa manipulación dos datos". Afirman que "o único real" é que o concerto vendeu só a metade das entradas, 1.500, "o demais son delirios do alcalde que tenta defender un gasto desmesurado e inxustificábel".

Os socialistas súmanse ao edil de Ciudadanos dando como cifra de gasto do concerto 92.000 euros, cos que engaden que "se podería reverter parte do exterminio cultural de Pérez Xácome".

Así pois, denunciaron que o rexedor municipal "non ten reparo en gastar inxentes cantidades de diñeiro público en cachés inflados e paparotas co seu equipo", mentres once entidades sociais "esperan unha modificación de crédito de 86.000 euros para axudar a persoas con discapacidade".

Pola súa parte o BNG denunciou que mentres o rexedor ourensán "dispara o gasto en luces e festas", múltiples entidades sociais ficaron sen fondos por por "falta de crédito do Concello", ao igual que tamén denunciou o PSdeG.