'A nosa voz, o noso espazo'. A Deputación de Pontevedra presenta a súa programación do 8-M

Carmela Silva, presidenta da Deputación de Pontevedra, durante a presentación. (Foto: Deputación de Pontevedra).
A Deputación de Pontevedra e o Auditorio municipal do Grove conmemorarán o 8-M con diferentes actos e obradoiros de formación en igualdade.

A Deputación de Pontevedra presentou esta cuarta feira unha "intensa" programación a desenvolver co gallo do Día Internacional da Muller, o 8 de Marzo, baixo o lema 'A nosa voz, o noso espazo. Os nosos dereitos'.

A presidenta da Institución, Carmela Silva, explicou que "ante os novos/vellos ataques polos logros conseguidos polo feminismo", desde a Deputación de Pontevedra incrementarán "os esforzos para reivindicar" a voz das mulleres, o seu espazo e os seus dereitos "en todos os eidos".

Esta programación xa arrincou no Pleno do pasado 24 de febreiro coa lectura da Declaración institucional do 8-M, que este ano foi redactada pola maxistrada do Tribunal Constitucional María Luisa Balaguer.

Ademais, o 28 febreiro celebrouse no Pazo provincial unha Mesa de debate sobre a 'Conciliación na produción audiovisual, o reto silenciado pendente', e, en colaboración con AGAPI, tamén se presentou 'Elas, produtoras executivas'.

Por outro lado, a deputación encargou 4.500 mochilas de tea conmemorativas do 8-M que foron ilustradas polas artistas Alba Casanova, A Bananeira e Heyjuddy.

O 1 de marzo, ás 20 horas, no salón de actos do Museo Marco de Vigo terá lugar a conferencia-coloquio 'A loita das mulleres da escrita' e o día 3 colocaranse as lonas do Día Internacional da Muller nas sedes da Deputación en Pontevedra e Vigo.

Ademais, tamén se inaugurará a exposición 'Muller e sustentabilidade do mar' na Casa da Cultura de Riomaior, en Vilaboa. Trátase dunha mostra elaborada en colaboración coa Universidade de Vigo, co Consello da Cultura Galega e co Campus do Mar.

O 4 de marzo, ás 10 horas, na sede da Deputación en Vigo desenvolverase unha formación en igualdade, coordinada por Chus Oliveira, Amada Traba, María Luísa Abad e Tatiana Retamozo, que consiste nunha serie de obradoiros en institutos e cursos para a mocidade interesada, que se repetirán ao longo de todo o mes.

O mesmo día, ás 12 horas, na Casa da Auga das Neves, presentarase 'Mulleres extramuros', un proxecto integral de interacción, intervención, creación e convivencia de artistas plásticas no rural que promove a arte contemporánea como ferramenta de cambio social.

O 7 de marzo, o Auditorio municipal do Grove acollerá unha acción artística de Xelo Marx e Maya Marx, enmarcada no programa 'Abrandares en acción. Violencia zero'. Tamén está programada a entrega dos Premios Emilia Pardo Bazán na Sede da Deputación en Vigo.

Acto central

O acto central do 8-M en Pontevedra será ás 11 horas no Pazo provincial, cunha acción artística que leva por título 'Alguén aquí?'. Trátase dunha peza que tentará destacar o estado de alarma e reafirmar a urxencia de non baixar a garda, de renovar esforzos, de espertar máis conciencias, voces e espazos de intervención e de defensa dos dereitos das mulleres. Será un espectáculo da artista Carmen Quinteiro no que se combinan varias disciplinas.

Por outra parte, en Vigo, o acto central será ás 17.30 horas na sede da Deputación, cunha inauguración conxunta das exposicións 'A muller da miña vida', de Puri Díaz, e 'Dar alento', de Ofelia Cardo.

O mesmo 8 de marzo, ás 19 horas, arrinca o ciclo de podcast 'Ciencia en feminino' con charlas e mesas redondas telemáticas que se programan tamén para os días 15, 22 e 29 de marzo.

Actos posteriores

Pero a programación non terminará o 8-M, así, ao día seguinte terá lugar unha performance de Neves Seara e Elsa Pereira enmarcada na iniciativa 'Abrandares en acción. Violencia zero', no CPI Arquitecto Palacios de Nigrán; e o 14 de marzo o Pazo provincial acollerá a entrega dos Premios 'Cambiemos ou Conto', mentres que na sede de Vigo presentarase o libro '365 días - 365 mulleres'.

O 17 e o 18 de marzo terá lugar o foro 'As mulleres que opinan son perigosas' no Teatro Principal de Pontevedra e o día 20, en Pontevedra, entregaranse os premios do concurso 'O mellor xoguete do mundo', no que participou o alumnado de 3º e 4º de Primaria da provincia deseñando un xoguete "orixinal, creativo, igualitario, non sexista e non violento".

O 21 de marzo presentarase no Pazo Provincial o libro 'Ti non sabes o que é ser escritora' e ao día seguinte será presentada a publicación 'Precursoras da Sustentabilidade e da Axenda 2030', que recompila biografías de mulleres pioneiras. Na sede da Deputación en Vigo terá lugar unha charla sobre 'Olimpia de Valencia', enmarcada na iniciativa 'Aquí faltan páxinas'.

O Castelo de Soutomaior acollerá o 30 de marzo o III Encontro Nacional de Políticas Públicas. Muller e Poder, dirixido por Rosa Cobo no marco da Escola de Igualdade María Vinyals. Finalmente, tamén se convocarán os premios literarios 'Hai unha Voz 2023', aprobaranse as bases dunha nova edición do programa 'Conectadas' e dos premios 'Abrandares non foco'.