Vítimas de trata reciben presións para atender clientes durante a corentena

As entidades da rede achegan bens de primeira necesidade a mulleres en situación irregular, de pobreza e exclusión social. (Imaxe: Fotograma do documental Benvidas ao club de Carmen P. Granxeiro)

Durante o estado de alarma e nun contexto de emerxencia sanitaria varias medidas puxeron o foco na vulnerabilidade das persoas en risco de exclusión social. Porén, as medidas levadas a cabo polas Administracións son de difícil acceso para os colectivos máis invisibilizados, como as vítimas de trata. "Reciben chamadas dos prostituidores explicándolles que van pagar, que non se preocupen porque se atopan ben de saúde", denuncia Ana Barba Núñez, voceira da Rede Galega contra a Trata.

Ana Barba Núñez é coordinadora do programa de atención a mulleres vítimas de violencias machistas da organización Aliad-Ultreia e unha das voceiras da Rede Galega contra a Trata. Desde que se declarou o estado de alarma e a emerxencia sanitaria na Galiza pola chegada do coronavirus, as integrantes deste colectivo traballan coordinadas para atender as necesidades das mulleres prostituídas.

En conversa con Nós Diario, Barba Núñez lembra en diferentes momentos que as mulleres ás que atenden as entidades da rede proveñen dun contexto de exclusión social previo á situación actual. "Coa crise aumenta a súa vulnerabilidade económica e tamén sanitaria", engade.

Coa crise aumenta a súa vulnerabilidade económica e tamén sanitaria, alerta Barba Núñez

A pesar do confinamento, Núñez Barba asegura que hai mulleres que explican por teléfono que se ven obrigadas a exercer a prostitución. "Reciben chamadas dos prostituidores explicándolles que van pagar, que non se preocupen porque se atopan ben de saúde", denuncia. E, ben por medo ou ben por necesidade, hai quen cede.

Porén, a voceira da rede recalca que as entidades non son capaces de acceder a unha parte importante de mulleres prostituídas, o cal dificulta coñecer polo miúdo a situación deste colectivo. "As autoridades aseguran que os clubs permanecen fechados, mais as mulleres que exercían neles seguen aí, non desapareceron", cita como exemplo.

As mulleres que exercían nos clubs seguen aí, salienta

A maiores, prosegue, hai que sumar aquelas mulleres que por medo, presións externas ou mesmo a causa dunha barreira idiomática non contactan coas asociacións ou cos servizos sociais. "E isto, hai que seguir subliñándoo, xa acontecía antes do confinamento", di.

"O propio funcionamento dos sistemas de explotación sexual contribúe a invisibilizar e apartar da sociedade as mulleres", sinala Núñez Barba. Goberno estatal e Executivos territoriais puxeron a disposición de vítimas de trata ou explotación sexual solucións habitacionais, mais as mulleres en situación irregular e con temor ás propias autoridades dificilmente poden demandar axudas que descoñecen. 

Alimentos e aluguer

Nestes momentos, as actuacións da rede concéntranse en cubrir as necesidades máis urxentes das mulleres prostituídas. "A falta de ingresos dificulta o seu acceso aos alimentos e, a maiores, hai bancos que xa non aceptan novas altas", exemplifica Núñez Barba. Butano ou produtos de limpeza son outras das peticións que reciben as entidades.

"Tamén nos preocupa a problemática dos alugueres, pois moitas mulleres en situación irregular non están empadroadas e non poden acceder a axudas, polo que van acumulando unha débeda", engade a voceira da rede.

Moitas mulleres non están empadroadas e non poden acceder a axudas, advirte Núñez Barba

Cando reciben unha chamada de axuda, as entidades da rede  tamén canalizan as mulleres aos servizos sociais, cuxas profesionais poden guialas á hora de solicitar apoio ou acceder a prestacións sociais.

As entidades da rede tamén ofrecen apoio emocional e psicolóxico ás usuarias durante este transo, ademais de achegarlles consellos para salvagardar a súa saúde durante a emerxencia sanitaria pola COVID-19. 

Sistema prostituínte

A Xunta da Galiza, a través da Secretaría de Igualdade, anunciou novas axudas para mulleres en situación de trata. Núñez Barba recalca a importancia de que estas se estendan no tempo. "As Administracións non poden estar aí dous meses e logo desaparecer", di.

"Esta situación dá para reflexionar sobre a situación deste colectivo. Falamos de mulleres prostituídas, en situación de dificultade, mais tamén dun sistema prostituínte que se lucra con elas e duns homes, os puteiros, que consomen estas mulleres", denuncia Núñez Barba. "É necesario procurar respostas para elas", conclúe.