Iria Veiga, médica e psiquiatra do Sergas

Iria Veiga: "Preocúpame que se agrave a pobreza social e económica das doentes mentais"

Iria Veiga, médica e psiquiatra do Servizo Galego de Saúde.
Iria Veiga, médica e psiquiatra do Servizo Galego de Saúde na área da Barbanza, advirte das consecuencias económicas que pode supoñer a situación de confinamento actual para as persoas con trastornos mentais graves. Trátase dun colectivo estigmatizado e, en moitos casos, tamén en risco de pobreza e exclusión social.

Como lles afecta ás pacientes de saúde mental a situación de confinamento que estamos vivindo?
A casuística é moi variada. Hai doentes que chegan ás unidades de saúde mental por problemas de ansiedade e outras complicacións propias da vida cotiá, mais tamén atendemos persoas con trastorno mental grave, que son aquelas que padecen doenzas mentais como a esquizofrenia, o trastorno bipolar grave ou o trastorno obsesivo compulsivo grave.

"Doentes de saúde mental poden ter problemas para socializar, para manter relacións familiares normais ou incluso para atender as súas propias necesidades". 

Calquera de nós pode ser usuaria ou paciente de saúde mental, pero danse dous escenarios moi diferentes. Así, no máis básico, a corentena aféctanos a todas por igual, se ben, o seu impacto vese incrementado na medida en que as circunstancias persoais das doentes de saúde mental son diversas. Neste sentido, preocúpanme máis as consecuencias económicas do confinamento que o encerro en si mesmo.

De que forma se complican as circunstancias das persoas con trastornos mentais graves?
Son persoas especialmente vulnerábeis porque sofren exclusión social. Ademais, pola súa propia patoloxía poden ter problemas para socializar, para manter relacións familiares normais ou incluso para atender as súas propias necesidades. 

Moitas destas persoas precisan de terceiros no seu día a día. Contan co apoio de asociacións e entidades de carácter social que malia estar parcialmente financiadas pola Xunta non forman parte da rede pública de dispositivos asistenciais. Todos estes recursos de tratamento, terapia ou acompañamento pecharon, e eran o único apoio co que contaban para manter un contacto social máis ou menos normalizado. 

Cal está sendo a alternativa para estas usuarias?
Necesitan poder seguir contando cun apoio externo que atenda as súas necesidades. É mais unha necesidade de axuda que de control. Hai que fuxir dese estigma de considerar perigosas as persoas cunha enfermidade mental. Intentamos que teñan unha vida o máis normalizada posíbel.

"Estamos facendo un labor de contacto telefónico que non vai suplir o contacto físico que ofrecen as entidade sociais de apoio, agora pechadas".

Neste sentido, tanto desde as entidades de carácter social que asumen ese labor de coidado como desde as unidades de saúde mental do Sergas, o que estamos facendo é un traballo de contacto telefónico, que en ningún caso pode nin vai suplir o contacto físico, de persoa a persoa, que ofrecen as asociacións practicamente a diario.

As doentes de saúde mental seguen acudindo ás consultas hospitalarias?
Estamos limitando o número a aquelas que consideramos imprescindíbeis. A decisión que se tomou na área sanitaria de Compostela de deixar que a dirección de cada especialidade xestionase o seu propio servizo non é mala, xa que pode haber unha gran diferenza entre unhas e outras. Nós o que estamos facendo é ver na consulta as usuarias que cremos que necesitan ese contacto directo, e darlle a opción dunha chamada telefónica a aquelas que non queren acudir ao hospital ou que consideramos que poden ser atendidas por teléfono. 

Funciona a asistencia domiciliaria para os casos máis complexos?
O servizo existe, mais é moi escaso. Na área de Santiago contamos cun único equipo de continuidade de coidados moi limitado en canto a persoal e radio de acción. Levamos moito tempo sinalando que é unha carencia grave do sistema. Na Barbanza, por exemplo, as usuarias non teñen acceso a el. Este tipo de equipos especializados deberan ser a norma e non a excepción. Cómpre reforzar a psiquiatría comunitaria para poder atender as doentes no seu contorno e non facelas tan dependentes da asistencia hospitalaria.

"Os equipos de continuidade de coidados deberan ser a norma e non a excepción. Cómpre reforzar a psiquiatría comunitaria".

Con que previsións enfrontades as próximas semanas?
Levamos poucos días e non sabemos que vai pasar. As consecuencias de aquí a dúas ou tres semanas preocúpanme relativamente. O que pode pasar é que haxa un aumento das hospitalizacións ou da descompensación da enfermidade dalgunhas pacientes, mais non creo que sexan numerosas nin unha situación que non poidamos manexar.

A psiquiatría é unha especialidade altamente estacional. O máis seguro é que a primavera e o verán sexan malos. Con todo, o realmente grave é o impacto económico a longo prazo. As persoas que sofren algún padecemento mental son especialmente vulnerábeis. O paro neste colectivo achégase a 80%. O que me preocupa é que se agrande o risco exclusión, e que algunhas persoas entren nunha situación de franca pobreza económica e social da que lles será moito máis difícil saír.

O acceso á tecnoloxía, un contratempo 

Garantir o apoio externo ás usuarias de saúde mental da Galiza con trastornos graves é un obxectivo que bate a diario cunha dificultade engadida. O acceso restrinxido á tecnoloxía está a ser un factor de risco, na medida en que o seu uso permite paliar o illamento social. "Moitas veces ese contacto esencial para as doentes que viven en comunidade depende de que che collan o teléfono. E hai pacientes que pola súa propia patoloxía teñen limitada a capacidade de descolgalo". A idade e as dificultades culturais tamén acoutan o acceso e o emprego da tecnoloxía, un factor que agrava o confinamento.