Vivenda e coronavirus, axudas a un dereito confiado ao mercado

Camiño de Conxo, en Santiago de Compostela (Imaxe: Luis Miguel Bugallo Sánchez CC BY-SA 3.0).
Un acceso restrinxido e uns trámites burocráticos complexos son dúas das barreiras que enfronta quen solicita axudas no acceso á vivenda. Unha problemática que se repite nas prestacións postas en marcha polo Goberno estatal durante o estado de alarma.

O decreto de alarma reduciu o día a día dunha grande parte da poboación aos seus fogares. A reclusión puxo de novo ao descuberto unha problemática sempre latente: a dificultade que supón acceder a un dereito fundamental como é a vivenda cando esta depende case en exclusiva do mercado. E reabriu un debate que foi especialmente intenso após a crise de 2008 e o impacto da burbulla do ladrillo.

Durante o confinamento, o Goberno estatal aprobou unha serie de medidas arredor da vivenda. “No caso de España, as prestacións xiran arredor de tres eixos: a suspensión dos despexos, a moratoria dos alugueres e hipotecas e a prórroga do contrato do aluguer”, resume Andrei Quintiá, doutorando en dereito administrativo no eido da vivenda, a este medio.

Son medidas profundamente burocráticas”, valora Quintiá, “especialmente para as persoas que máis as precisan e que poden ter problemas para acceder a internet”. Unha problemática “estrutural”, engade, ligada non só a estas liñas de axudas concretas senón á práctica totalidade das postas en marcha polo Goberno estatal ou polo galego.

Desas tres liñas, as dúas primeiras gardan unha importante relación se se ten en conta que en 2019, na Galiza, os xulgados practicaron un total de 2.271 despexos ou desafiuzamentos. “Un indicador claro do problema grave que temos coa vivenda”, destacaba Diego Lores, membro da Oficina de Dereitos Sociais de Coia, en Vigo, nunha entrevista con Nós Diario.

Nela tamén lembraba que existen “outras expresións desta falta de dereitos”. “Xente que non ten aloxamento perenne, que ten que ir cambiando entre casas de familiares, veciñanza e outros por non poder asumir o prezo do alugueiro por moito tempo”, exemplificaba, sinalando unha suba dos prezos da vivenda “que non se corresponde coa dos salarios.

A redacción textos que recollen estas axudas, publicados no Boletín Oficial do Estado, constitúe en si mesma outra barreira pola súa complexidade, apunta Quintiá. E non só: diversas entidades sociais teñen apuntado que os requisitos de acceso supoñen outra de maior envergadura.

As axudas estatais en materia de vivenda

No Estado español a construción segue sendo considerada un dos principais motores da economía. A este factor súmase unha concepción “propietarista” da vivenda. “Que no caso galego é aínda maior”, matiza Quintiá, engadindo que foi durante a ditadura franquista cando se consolida esta visión.

Se ben nos últimos anos estase a producir un cambio de tendencia, a meirande parte da poboación no Estado, 77,1% en 2008, posúe unha vivenda en propiedade. Isto pode explicar que a primeira liña de axudas do Goberno estatal estivese destinada ao pagamento da hipoteca.

Para poder solicitala a demandante debe ter perdido o  emprego ou sufrido unha perda de, cando menos, 40% dos seus ingresos ou vendas. O pago debe supor 35% ou máis dos ingresos netos da unidade familiar, que ademais non poden superar 1.612,53 euros no mes anterior á solicitude, tres veces o indicador do IPREM (índice empregado para calcular o importe de axudas sociais). Unha contía que aumenta en fogares con persoas con discapacidade, crianzas ou maiores. Son algunhas das condicións impostas, e a demandante debe cumprilas todas.

As condicións son similares no caso da liña destinada ao pago do aluguer. Porén, varían segundo o tipo de arrendatario. Se se trata dunha empresa, organismo público ou do titular de máis de dez inmóbeis pódese solicitar a redución da metade do aluguer ou o aprazamento do pago. O non abonado, no caso da moratoria, deberá ingresarse nos seguintes tres anos e sempre dentro da duración do contrato, mesmo se expira nun período máis breve.

No caso de propietarias con menos de dez inmóbeis esta medida pódese negociar, mais é voluntaria. En caso de que a arrendataria non acepte só queda a posibilidade de solicitar un microcrédito aos bancos, cuxas condicións fixará o Instituto de Crédito Oficial, para cubrir como máximo seis meses de aluguer. A maiores, contémplase outra liña de axudas destinadas ao alugueiro que deberá ser concretada polos Gobernos territoriais.

Prestacións á vivenda na Galiza

A competencia en materia de vivenda, coa excepción dalgúns aspectos, foi transferida ás Administracións territoriais. “Desde 2013 hai unha serie de territorios que pularon por desenvolver normas que apostan pola vivenda social ou a vivenda en algueiro”, afirma Andrei Quintiá, matizando que Galiza se atopa “no extremo oposto”. “A lei que aproba en 2012 o Goberno de Alberto Núñez Feixoo expón precisamente na vontade de confiar na actividade do mercado para ofrecer vivenda”, engade.

“O problema das prestacións na Galiza é similar a doutros territorios, o acceso é moi restrinxido e as cuestións procedimentais para solicitalas, moi complexas”, apunta Quintiá. “Na práctica, moi poucas persoas se benefician destas axudas”, expón. En 2019, por exemplo, o total de persoas de todas as idades inscritas en demanda de vivenda pública era de 14.000. Ese ano resolvéronse as axudas ao aluguer para menores de 35 anos convocadas en 2018. Das 4.000 solicitudes , só obtiveron a prestación 331 persoas. Os motivos: o incumprimento dalgún dos requisitos mais, tamén, o esgotamento dos fondos destinados á convocatoria.

Nese senso, o investigador avoga pola necesidade de mudar “a idea base de que o mercado é o único que pode ofertar”. “Compre explorar a colaboración público-privada, desenvolver o debate sobre o control dos prezos do aluguer e, sobre todo, mudar a nosa visión e poñer en valor a vivenda como o dereito que é”, conclúe.