Organizacións sociais galegas claman por unha "renda básica, xa!"

Protesta contra a invisibilización da pobreza en Vigo (Europa Press)

Unha ducia de colectivos e organizacións galegas do ámbito social impulsan unha campaña para reclamar a posta en marcha dunha renda básica que, fronte a instrumentos como a Risga, sexa capaz de prover dunhas mínimas condicións materiais que garantan unha vida digna, para afrontar as consecuencias socioeconómicas que a crise sanitaria está a traer en forma de despedimentos, ERTE e máis precariedade. 

 

 

O Foro Galego de Inmigración, a Oficina Dereitos Sociais de Coia, os Colectivos pola Renda Básica Universal de Compostela, Betanzos e A Coruña, Boa Vida, SOS Racismo Galiza, a ONGD Viraventos, o Colexio de Educadoras e Educadores Sociaisa,Coordinación Baladre contra a precariedade, o empobrecemento e a exclusión social, a Coordinadora de Crentes Galeg@s, a asociación Fuco Buxán e Vangarda Obreira da Coruña son as entidades detrás desta iniciativa, que se presenta baixo o lema: "Nin Risga nin ingreso mínimo vital, renda básica xa!". 

Todas elas sinalan que, malia os anuncios de medidas por parte do Goberno central, polo momento non existe un ingreso mínimo vital  garantido, polo que urxen a implantación da renda básica como un novo dereito suficiente, universalincondicional. Na súa reclamación, subliñan que este instrumento deberá contar cunha contía que permita vivir cuns mínimos de dignidade,  desde os que poder conquistar colectivamente outros dereitos.

Como argumentan, ferramentas como a Risga "non serve para erradicar a pobreza, nin antes da crise da COVID-19, nin moito menos cara ao futuro", dada a súa "contía miserenta" --cun importe medio de 439 euros en 2019, segundo apuntan-- e "escasa cobertura" --as entidades promotoras sinalan que a prestación beneficia unhas 10.000 persoas, cando entidades como Cáritas cifran en 226.964 as que están en situación de exclusión severa--, así como polas dificultades burocráticas que supón a súa tramitación.

"Exiximos superar as políticas sociais vixentes e apostar dunha vez por dereitos fortes que estean dotados do persoal e dos recursos necesarios", demandan as entidades impulsoras da campaña, que lembran as conclusións do relator sobre extrema pobreza e dereitos humanos da ONU, Philip Alston, tras a súa visita, quen denunciou as trabas burocráticas para acceder a unha prestación.