Vítimas do accidente de Angrois denuncian "condutas moi graves que xamais se xulgarán"

Vítimas do accidente en abril de 2021 en Madrid. (Foto: Ricardo Rubio / Europa Press)
No oitavo aniversario da traxedia do Alvia, a plataforma de vítimas e familiares organiza varias actividades reivindicativas. En paralelo, o alcalde de Compostela, Xosé Sánchez Bugallo, dixo comprender a demanda de explicacións pero afirmou que “neste mundo nin a verdade é absoluta, nin a xustiza é absoluta”. O BNG pediu no Congreso a creación dunha comisión que investigue as circunstancias do sinistro que custou a vida de 80 persoas.

Vítimas da traxedia ferroviaria de Angrois, así como familiares das mesmas, critican neste oitavo aniversario do accidente que neste tempo enfrontáronse a “condutas moi graves que xamais serán xulgadas nos tribunais”.

A plataforma baixo a que se agrupan, que ten previsto realizar distintas actividades reivindicativas, lembra que no sinistro do Alvia en Compostela faleceron 80 persoas e resultaron feridas outras 144 e sostén que disto non se pode culpabilizar só a un erro humano.

“Non era a única causa do accidente, senón a consecuencia dun comportamento neglixente de Adif, Renfe e Fomento”, asegurou esta sexta feira, despois de que transcendera que o maquinista e un ex alto cargo van ser xulgados de novo (probabelmente a principios de 2022).

Co recoñecemento por parte do fiscal, do xuíz e da Audiencia de que a liña “non era segura” e era “altamente vulnerábel e perigosa” ante un fallo, aluden ás responsabilidades penais pendentes pero tamén ás responsabilidades “políticas”.

Culpábeis "políticos"?

Respecto diso, afirman que o ex ministro de Fomento José Blanco "publicitou aos catro ventos que a nova liña de alta velocidade contaba cos sistemas de seguridade que evitasen o accidente" pero "desgraciadamente quedou demostrado que non era verdade".

"Sendo ministro tamén autorizou o cambio de proxecto orixinal, suprimindo o sistema de seguridade no tramo máis perigoso, onde aparece a primeira curva despois dunha longa recta. Un proxecto que levaba anos aprobado e en execución. É máis, xactábase de adiantar os prazos", censura o colectivo.

Tamén subliñan a implicación da ex ministra Ana Pastor, que ao modo de ver das vítimas, "foi a persoa que máis traballou desde as institucións públicas para ocultar as causas dunha traxedia".

O BNG pide unha nova investigación

Neste contexto de críticas, o rexedor de Compostela, Xosé Sánchez Bugallo, comentou que entende esa "demanda de verdade, de xustiza e de reparación".

"Pero neste mundo nin a verdade é absoluta, nin a xustiza é absoluta e, desde logo, a reparación plena nun caso como este non é posíbel", lamentou na mesma xornada na que o BNG, xunto con EH Bildu e ERC, solicitou no Congreso que se organice unha comisión de investigación para aclarar as causas do sinistro do tren en 2013.

Desde o seu punto de vista hai “nova información” que permitiría “retomar os traballos” do grupo que se creara en 2018 e que quedou parado.