Viaxantes de fóra da UE poderán entrar no Estado español cun test Covid negativo

Usuarios do aeroporto de Barcelona coa máscara. (Foto: Europa Press)
Os viaxeiros que entren no Estado polas fronteiras aéreas ou marítimas, sexa cal for o seu lugar de orixe, terán que presentar algún certificado ou unha proba PCR ou antíxenos negativa.

Os viaxeiros procedentes de países ‘extracomunitarios’ poden entrar no Estado español cun test negativo de Covid-19 desde este sábado, segundo a orde do Ministerio do Interior que flexibiliza os requisitos e que foi publicada no último Boletín Oficial do Estado (BOE).

Segundo a orde, os viaxeiros que entren no Estado polas fronteiras aéreas ou marítimas, sexa cal for o seu lugar de orixe, terán que presentar algún destes tres certificados: de vacinación, de recuperación (expedido como mínimo 11 días despois da confirmación da infección, con validez de 180 días), ou unha proba negativa (PCR ou similar realizada nas 72 horas ou  antíxenos feita nas 24 horas previa).

Menos de 12 anos, exentos

Ademais, os menores de 12 anos estarán exentos de presentar ningún tipo de certificado. Así mesmo, os pasaxeiros que cheguen por vía marítima e aérea provistos dun certificado Covid dixital da UE ou recoñecido como equivalente pola Comisión Europea, non terán que cumprimentar o Formulario de Control Sanitario SPTH.

Así, o Estado español xa non exixe o certificado de vacinación contra o Covid-19 aos turistas extracomunitarios, equiparando os requisitos de entrada a estes aos dos viaxeiros procedentes dos países da Unión Europea e países asociados Schengen.

"Excelente noticia"

A ministra de Industria, Comercio e Turismo, Reyes Maroto, destacou que esta equiparación é unha "excelente noticia", especialmente para o sector turístico, xa que facilitará que os turistas de fóra da contorna europea “poidan visitarnos” esta tempada alta "garantindo unha mobilidade segura".

"Estamos a arixirnos como un dos destinos máis desexados do mundo, como nos mostran os indicadores de demanda que mes tras mes van achegándose aos niveis prepandemia e esta medida vai acelerar a recuperación do sector ao facilitar a entrada de viaxeiros internacionais", agregou Maroto, segundo un comunicado do seu ministerio.