As axencias de viaxe perderon unha de cada catro licenzas na Galiza pola Covid

O Goberno estatal anuncia un ERTE específico para o sector mentres que as axencias de viaxe galega reclaman novas axudas e canalizar os bonos turísticos da Xunta.
Traballadores e traballadoras das axencias de viaxe na protesta que realizaron o pasado mes de novembro ante o Parlamento galego (Foto: Álvaro Ballesteros / Europa Press).
photo_camera Traballadores e traballadoras das axencias de viaxe na protesta que realizaron o pasado mes de novembro ante o Parlamento galego (Foto: Álvaro Ballesteros / Europa Press).

As axencias de viaxe galegas seguen a atravesar un "momento complicado". A crise da Covid fixo que se perdesen "entre 20 e 25% das licenzas" previas á pandemia.

Así o indica en declaracións a Nós Diario o presidente da Asociación Galega de Axencias de Viaxe (Agavi), Juan Antonio Rivadulla, quen explica que a súa facturación é inversamente proporcional á evolución da Covid. "É como unha montaña rusa. Agora estamos a pagar os efectos da sexta onda, pero antes das festas de Nadal a actividade era boa", relata.

Sobre os fechamentos no sector, admite que é difícil coñecer o dato concreto, xa que hai estabelecementos que xa cesaron a súa actividade mais aínda non deron de baixa a licenza porque teñen en vigor os seguros de responsabilidade civil e o aval da Xunta e non desbotan a posibilidade dun traspaso.

O presidente de Agavi aclara tamén que hai axencias que decidiron fechar as portas dos seus locais a pé de rúa pero que seguen operativas, co seu persoal "teletraballando na casa ou desde espazos de coworking". Son fundamentalmente empresas locais, xa que nos grandes grupos "están inmersos en procesos de fusión, expedientes de regulación de emprego e fechamentos de delegacións", explica.

A pesar diso, a actividade parece mellora levemente. Recoñece que comeza a medrar o interese polos paquetes de vacacións, sobre todo de cara ao verán e á Semana Santa. "Entra xente e pide prezos, pero non se concretan as vendas. Ao mellor, unha de cada catro con certa rapidez", apunta.

No sector son "optimistas" co futuro. "Percibimos que a xente ten ganas de viaxar e de moverse, pero aí están as restricións e a seguridade sanitaria ten que estar por riba de todo", afirma Rivadulla.

Continuidade dos ERTE

Porén, esa certa melloría non se ve reflectida nos datos de ocupación do sector avanzados onte por Turespaña. O organismo dependente do Ministerio de Industria, en base aos datos da Enquisa de Poboación Activa (EPA) do cuarto trimestre do ano 2021, sitúa a Galiza como o segundo territorio no que menos creceu a ocupación (2,2%) con respecto ao ano pasado. Aumentou o número de persoas asalariadas un 5,6%, mentres que as autónomas, que representan 22,5% do total, descenderon 8,4% en taxa interanual.

Para conter a sangría de empregos no sector, o ministro de Inclusión, Seguridade Social e Migracións, José Luis Escrivá, avanzou onte, antes de manter unha reunión coas patronais do sector, que o Goberno español vai propor un expediente de regulación temporal de emprego (ERTE) sectorial para as axencias de viaxe, contemplado no marco da nova reforma laboral como 'mecanismo REDE'.

Deste modo, o sector podería resistir a flote após perder 50% da súa facturación o pasado ano, segundo constatan desde Agavi,  e 80% en 2020, como consecuencia da crise da Covid. 

Xunto a isto, as axencias de viaxe reclaman novas liñas de axudas para facer fronte ao pagamento dos alugueiros dos estabelecementos, a dixitalización dos seus negocios ou cubrir os custos dos seguros sociais obrigatorios.

"Escaso" impacto dos bonos turísticos

O pasado mes de xaneiro, o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, anunciaba a posibilidade dunha terceira convocatoria do bono turístico, unha iniciativa que inxectou 7,7 millóns de euros no sector, pero que nas axencias tivo un impacto "limitado".

De feito 75% dos fondos foron parar aos estabelecementos hoteleiros, moitas das veces a través de plataformas que, como denuncian desde a Asociación Galega de Axencias de Viaxe, non deixan ningún beneficio no país.

Por iso pedirán na reunión que teñen prevista a próxima semana co vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, que sexan as axencias as que canalicen estas reservas, co valor engadido de que poden crear paquetes dos que se beneficiarían restaurantes, empresas de ocio e guías de todo o país, "quedando 100% do beneficio aquí". 

Comentarios