Conmemoración de Vía Galega no 103 aniversario da I Asemblea Nacionalista

Evento organizado por Vía Galega polo 103 aniversario da I Asemblea Nacionalista. (Foto: Nós Diario)
Coas intervencións de María Pilar García Negro e Cosme Pombo, Vía Galega rende homenaxe á I Asemblea Nacionalista no 103 aniversario do acontecemento.

A rúa da Raíña de Lugo acolleu máis de 200 persoas ao mediodía do sábado, diante do hotel onde se produciu a I Asemblea Nacionalista hai 103 anos, para conmemorar ese acontecemento impulsado polas Irmandades da Fala, nun acto organizado por Vía Galega.

Amais de efectuar unha ofrenda floral, interveu a escritora e profesora da Universidade da Coruña, María Pilar García Negro, así como o coordinador da entidade en Lugo, Cosme Pombo, nun acto amenizado polo grupo musical Airiños do Fiouco.

Existencia da nación galega

Ademais do programa político que xurdiu desa xuntanza, García Negro salientou na súa intervención como, “as 63 persoas asinantes do manifesto diríxense ao pobo galego, non como mención ritual, senón por recoñeceren a existencia dunha nación galega”, e polo tanto, dun pobo galego consciente dos seus dereitos e deberes, o que os obriga a declararse nacionalistas.

Tamén destaca a defensa da igualdade de dereitos entre os xéneros dos participantes na Asemblea, que lanzaron “medidas económicas moi vencelladas á existencia de labregas e labregos como clase económica, control dunha banca pública galega, Policía galega, intervención no réxime bancario ou investimento nos camiños de ferro e portos francos”, apunta García Negro.

Todo isto nun intre moi significativo, poucos días despois de asinarse o armisticio que rematou coa I Guerra Mundial, nunha intervención na que lembrou o falecido escritor Darío Xohán Cabana.

O coordinador de Vía Galega en Lugo, Cosme Pombo, agradeceu ás participantes no acto a honra de facer un discurso nese lugar e a carón da estatua de Castelao que o Concello instalou hai un ano.

Combo fixo fincapé no “primeiro programa político nacionalista”, e na loita que impulsaron para que a Galiza se goberne a si mesma para beneficio das galegas e galegos.

Manter a chama prendida

O tenente de alcalde da cidade de Lugo, Rubén Arroxo (Bloque Nacionalista Galego), fixo unha valoración moi positiva do evento, e fixo un chamamento a “Vía Galega a manter esta chama prendida porque este tipo de acontecementos debe ser coñecido por toda a sociedade”.

Incluso na propia urbe, “a xente non é consciente de que aquí naceu o nacionalismo galego moderno”, resolveu.