"O vento é gratis, a eólica mariña non": convocan unha concentración na Guarda contra os POEM

O Goberno do Estado español aprobou os POEM, delimitando aquelas zonas que poden ser ocupadas polos parques de eólica mariña. (Foto: Federico Rostagno)
A recente aprobación dos Plans de Ordenación do Espazo Marítimo (POEM) "prioriza a produción industrial de enerxía fronte á protección da biodiversidade e a actividade pesqueira", alertan desde a confraría da Guarda.

Baixo o lema ‘O vento é gratis, a eólica mariña non’ a Confraría Santa Trega da Guarda convoca unha concentración para este sábado día 20 para exixir a “paralización dos proxectos de eólica mariña que pretenden instalar nas costas da Guarda, Oia, O Rosal e mesmo Baiona”.

A recente aprobación dos Plans de Ordenación do Espazo Marítimo (POEM) "prioriza a produción industrial de enerxía fronte á protección da biodiversidade e a actividade pesqueira", alertan desde a confraría.

"Tal e como promulga o Manifesto de Burela, que subscribimos plenamente, as persoas que vivimos do mar somos as máis interesadas en defender os ecosistemas mariños, que contribúen á xeración de emprego e creación de riqueza en vilas costeiras", indican.

"Crendo firmemente na necesidade frear os devastadores efectos do cambio climático, desde Santa Tegra apostamos por unha transición enerxética xusta, compatíbel con actividades sustentábeis, que garantan a soberanía alimentaria e creen identidade, como é o caso da pesca", acrecentan.

Por estas razóns, desde unha comunidade pesqueira tradicional como a da Guarda, “queremos manifestar nosa firme oposición a este tipo de proxectos e exiximos a retirada dos POEM e a paralización de calquera proxecto de eólica mariña”.

Urxe acometer estudios científicos independentes e rigorosos, manifestan desde a confraría, sobre a afectación xerada por muíños e liñas de evacuación nas especies mariñas e o conxunto do ecosistema.

"Teresa Ribera debe reflexionar"

A recente admisión a trámite no Tribunal Supremo do recurso presentado polas Confrarías, “debería facer reflexionar a Ministra Teresa Ribera para decretar a paralización cautelar de calquera proxecto, pola irreversibilidade dos danos que se poden causar”.

Para alén diso queren “transmitir á cidadanía da franxa costeira do sur da Galiza e Norte de Portugal que este non é un problema que só afecta as xentes do mar. A instalación dun macropolígono de enerxía eólica terá tamén repercusión en terra, afectando principalmente concellos como A Guarda, Oia ou O Rosal, por onde previsibelmente discorreran as liñas de alta tensión para a evacuación da enerxía eléctrica, creando unha verdadeira ‘autoestrada’ que fragmentará a paisaxe ao longo do seu trazado”.