Rego exixe a Teresa Ribera retirar os POEM para "salvar a actividade pesqueira e os ecosistemas"

O BNG defende "colocar o sector eléctrico, por ser un sector estratéxico, baixo control público e pólo ao servizo do desenvolvemento social e económico, da maioría social".
Néstor Rego, durante un debate no Congreso (Foto: Fernando Sánchez / Europa Press)
photo_camera Néstor Rego, durante un debate no Congreso (Foto: Fernando Sánchez / Europa Press)

Néstor Rego, deputado do BNg no Congreso, exixiu á Vicepresidenta Terceira e Ministra para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, Teresa Ribera, que atendan o clamor do sector pesqueiro da Galiza e “retiren” os Plans de Ordenación do Espazo Mariño (POEM).

Durante a comparecencia no pleno do Congreso, solicitada polo BNG, a formación nacionalista reafirma a súa posición na defensa da frota pesqueira galega, o marisqueo e a defensa da biodiversidade frente a un Goberno do Estado que, “até o de agora, só se puxo do lado das grandes empresas do sector eléctrico”.

Así mesmo, o BNG defende colocar o sector eléctrico, por ser un sector estratéxico, baixo control público e pólo ao servizo do desenvolvemento social e económico, da maioría social a través dun modelo baseado na produción a menor escala, para reducir os impactos e máis próxima aos centros de consumo.

“Como dicía Castelao, estamos fartos de ser unha colonia. Fartos de que se sacrifiquen os intereses das clases populares galegas en beneficio da oligarquía española. Estamos a falar de sacrificar o sector pesqueiro e marisqueiro galego, que dá traballo a millares de persoas en toda a costa, máis se consideramos o complexo mar-industria, e o sector agrario e gandeiro” sinala o deputado.

Rego dirixiuse á Ministra ante a aprobación dos POEM “que dan vía libre á implantación de parques de eólica mariña con graves consecuencias que tería para os ecosistemas mariños e para caladoiros importantes da nosa frota”.

Unha aprobación, continuou o deputado nacionalista, que, alén de contar co rexeitamento do sector pesqueiro e os activistas medioambientais -así como do BNG-, “non conta cos informes e estudos científicos suficientes e incontestábeis tanto desde o punto de vista do impacto ambiental como do socioeconómico”. “O lóxico é non autorizar ningunha instalación até que isto estea suficientemente claro e estudado. O propio Ministerio recoñece, nunha resposta a unha iniciativa do BNG, a falta de datos definitivos sobre os posíbeis impactos”.

“Vostedes recoñecen que non existe aínda o coñecemento suficiente sobre as posíbeis afeccións da eólica mariña e anuncian que seguirán estudando despois de implantala. Isto, ademais de ser absolutamente irresponsábel, é un indicador de que a este Goberno e ao seu Ministerio non lles interesa para nada o sector pesqueiro galego nin os nosos ecosistemas mariños” denunciou Néstor Rego.

Un país produtor

Segundo os datos oficiais da Rede Eléctrica de España, en 2021 Galiza xerou un total de 24.205 GWh: 74,3% (é dicir, 17.974 GWh) producíronse a partir de fontes de orixe renovábel.

A demanda interna na Galiza, ese mesmo ano, alcanzou os 17.421 GWh, enviando fóra do país case 7000 MW. “Madrid consome 27 000 Gwh e produce con renovábeis menos de 500 (1,8%). Mais claro, pagan a electricidade producida na Galiza ao mesmo prezo que nós, sen ningún custo social e ambiental e, ademais, cos beneficios e os impostos que pagan as empresas que operan no noso país pero teñen a sede fiscal en Madrid” recriminou Rego.

Pola súa parte, a propia ministra negou que os POEM vaian afectar a actividade pesqueira asegurando que "non se pode demostrar" e asegurou que desde o Goberno "defendemos esta actividade económica".

Comentarios