Veciñas de Teo reciben con cautela a negativa de Medio Ambiente a Toysal

Integrantes da plataforma Casalonga Libre de Residuos nunha acción de protesta (Imaxe: Arxina).
Un informe negativo da Dirección Xeral de Medio Ambiente anula o plan para restaurar a canteira da Casalonga presentado por Toysal SL. As veciñas reclaman tamén a clausura definitiva do seu proxecto para operar na antiga explotación.

Jaime García é o presidente da plataforma veciñal teense Casalonga Libre de Residuos. Onte pola mañá enterouse a través da prensa de que a Consellaría de Medio Ambiente emitiu un informe negativo sobre o plan de restauración presentado pola viguesa Toca e Salgado SL, Toysal, que na actualidade opera nos terreos da antiga canteira da Casanlonga, na parroquia teense de Calo.

"Ninguén se puxo en contacto comigo, tampouco a información foi publicada no Diario Oficial da Galiza (DOG)", explica en declaracións a Nós Diario. García chamou á Dirección Xeral de Minas para contrastar a información, mais aínda non recibiu confirmación.

"Polo que sabemos", resume, "cando Toysal adquiriu a propiedade dos terreos e mais os dereitos da explotación mineira, a Administración solicitoulle un plan de restauración acorde coa lexislación vixente, xa que o anterior estaba desfasado. Despois de que entregase a documentación, a Xunta exixiu un plan máis detallado e minucioso, mesmo outorgándolle á empresa un período de prórroga. Mais Toysal non o fixo e por iso o informe foi negativo".

A compañía viguesa aínda pode recorrer a decisión da Consellaría de Medio Ambiente cun recurso de alzada, mais polo momento a súa actividade ficaría suspendida. Porén, como recorda a integrante da plataforma Norma Pillado a este medio: "Toysal aínda ten o permiso de actividade mineira". Esta veciña salienta que o baleirado dunha lagoa nos terreos da Casalonga inclinou a Administración a emitir o informe desfavorábel. "Ao drenala podían provocar contaminación biolóxica, afectando tanto a auga como as especies animais e vexetais", engade.

O mesmo motivo que impulsou o inicio dunha investigación por parte da Fiscalía de Medio Ambiente das actividades de Toysal. "Mais despois da marcha do fiscal a Madrid (Álvaro García Ortiz, quen tomou posesión da praza de fiscal xefe da Secretaría Técnica da Fiscalía o pasado 5 de marzo) non sabemos como evoluciona o proceso", di García.

García e Pillado reclaman que se anulen todos os permisos de Toysal e a "paralización de toda actividade". Desde a plataforma veñen denunciando que a intención última da compañía viguesa é empregar os terreos da antiga explotación "para poñer en marcha un vertedoiro encuberto".

"A lexislación permíteo, porque a reparación das canteiras pode realizarse con residuos procedentes doutras áreas, non só da propia explotación, polo que como resultado temos un vertedoiro", asegura Pillado.

Ambas veciñas comparten que, a falta de recibir a documentación e poder lela en profundidade, "a declaración negativa é unha boa noticia, máis aínda cando a recibimos o día despois de suspender a manifestación prevista para o domingo 15 de marzo como prevención polos casos de coronavirus". 

Suspensión de actividades

A mobilización deste domingo tiña por obxectivo reclamar a clausura definitiva do proxecto de Toysal na Casalonga, ademais de exixir un cambio normativo que, segundo un comunicado do colectivo veciñal, "protexa o rural".

Tamén as integrantes da plataforma Mina Touro-O Pino Non, que este sábado programou unha festa para celebrar o non da Xunta da Galiza á reapertura dunha explotación de cobre na contorna, decidiron aprazala.