A plataforma veciñal de Casalonga denunciará Augas de Galiza pola autorización para baleirar a canteira

Imaxes da mobilización da veciñanza de Casalonga contra o proxecto do vertedoiro no mes de marzo

A coordinadora da Plataforma Casalonga Limpa de Residuos mantivo na noite da terza feira unha reunión tras detectar, durante a xornada, o inicio do baleirado da lagoa da canteira, pertencente ao municipio de Teo, e acordou presentar denuncia contra a directora de Augas de Galiza polo “delito ambiental” derivado da autorización deses traballos. 

A plataforma veciñal lembra que a autorización para o baleirado da lagoa ten máis de dez anos, “e a situación da canteira cambiou de forma radical”, expón a portavoz da plataforma, Norma Pillado, quen considera unha “neglixencia” que o ente autonómico permitira o baleirado sen facer un estudo previo. Como advirte, o hábitat acolle hoxe na súa flora e fauna unha serie de especies exóticas invasoras, como carpas, “uns peixes que non poden soltarse en ríos nin lagos”, ou herba da Pampa, altamente invasora, que se poden estender pola operación de baleirado. “Temos probas de que as carpas están marchando xa e isto é unha contaminación biolóxica, polo que entendemos que se está producindo un delito ambiental”, alerta, e sinala o presidente de Augas como “o responsable último de que se autorizara a vertedura”.

A denuncia súmase á interposta perante o Seprona pola asociación ecoloxista Adega, quen reclama paralización inmediata da actuación na lagoa e que o espazo sexa restaurado “conforme a solución ambiental que proporciona a actual situación de rexeneración natural, conservando as lagoas”. 

“Queremos que Augas de Galiza paralice os traballos, porque xa sabemos o que supoñen, o inicio da actuación de Toysal”, denuncia a portavoz da plataforma de Casalonga, en alusión ao proxecto de restauración da empresa, que segundo advirte a veciñanza agocha a creación dun vertedoiro de residuos. Considera ademais que as consecuencias ambientais do baleirado serán irreversíbeis para a flora e a fauna.

Tamén, Pillado sinala que tanto a plataforma como o propio Concello de Teo solicitaron no seu momento á dirección xeral de Enerxía e Minas a paralización cautelar da actividade da empresa Toysal na canteira até que non se resolva o expediente de caducidade. “pero non tivemos resposta”. Segundo avanza, o próximo paso da plataforma será trasladar a denuncia ao presidente de Augas de Galiza perante a dirección xeral de Medio Ambiente e o Concello, para que teñan coñecemento, e non descarta máis medidas. 

 

Nota: Esta información foi modificada para puntuaqlizar que a denuncia será contra a directora de Augas de Galiza e non contra o presidente, como se informou nun primeiro momento.