A plataforma veciñal de Casalonga chama a mobilizarse este domingo contra o baleirado da canteira

Mobilización anterior contra a conversión da canteira nun vertedoiro impulsada pola plataforma Casalonga Limpa de Residuos
A plataforma Casalonga Limpa de Residuos volverá manifestarse contra a transformación da canteira localizada nesta aldea de Teo nun vertedoiro, tras constatar esta semana o inicio dos traballos para o baleirado da lagoa que hoxe ocupa a canteira.

A manifestación está convocada para este domingo, ás 11 horas. Con ela, a plataforma veciñal quere trasladar a “indignación” e frustración” pola perda de biodiversidade que supón a operación de baleirado da lagoa, na que hoxe habitan –sinala– falcóns peregrinos, fochas de auga e patos de distintas especies. "Co baleirado estase a producir unha grave contaminación biolóxica do río Tinto, e en consecuencia do Sar e do Ulla, baleirado autorizado por Augas de Galiza”, alerta.

Para a veciñanza, os traballos son un “engano”, dado que a canteira está xa esgotada. Temen que o seguinte paso da empresa sexa “encher os buratos de residuos e convertelo nun vertedoiro, un negocio redondo e indigno contra o que a veciñanza xa leva máis de un ano loitando”. 

O pasado mes de marzo, o colectivo de afectadas e afectados lograba mobilizar varios milleiros de persoas contra o que entende como a conversión encuberta da antiga canteira nun vertedoiro, a cargo da empresa que a adquiriu, Toysal, dedicada á xestión de residuos industriais.

Denuncia

A plataforma acusa Augas de Galiza de “non facer o seu traballo”, polo que, segundo anunciou esta pasada cuarta feira, cursará unha denuncia contra o organismo autonómico por ter autorizado o baleirado da lagoa baseado nun estudo feito fai máis dunha década, cando aínda non existía a lagoa como tal. “Este baleirado produce unha contaminación biolóxica aos ríos –na lagoa hai especies invasoras como as carpas e a herba da pampa–, da cal a directora de Augas de Galicia, Teresa Gutiérrez, é a última responsable”, advirte.

Do mesmo xeito, culpa a Xunta de “mirar para outro lado” ante as “numerosas infraccións” que está a cometer a empresa estes días na canteira. Entre elas, cita o uso dunha vía pública con maquinaria “que excede o límite de tonelaxe permitido”, e apunta a que o inicio da actividade fíxose “sen cumprir co plan de seguridade”.  En concreto, a plataforma sinala que a dirección xeral de Enerxía e Minas “responde co silencio” á súa solicitude de paralización cautelar da actividade. “Motivos para paralo non lle faltan pois existe un expediente aberto por caducidade da actividade mineira que se agrava coas numerosas infraccións cometidas estes días por parte da empresa. Ademais o plan de restauración presentado ten máis de mil alegacións pendentes de contestación”, pon de manifesto o colectivo.