Toysal comeza as voaduras en Casalonga coa presenza da Garda Civil

Protestas antes das voaduras en Casalonga [Imaxe: Cedida]

A 'Plataforma Casalonga limpa de residuos' tenta paralizar a desaparición da lagoa e denunciará a desfeita medioambiental.

A veciñanza de Calo - Concello de Teo, comarca de Santiago - tentou impedir esta terza feira a primeira hora da mañá o inicio das voaduras por parte da empresa Toysal na canteira de Teo. Ducias de persoas da 'Plataforma Casalonga limpa de residuos' ocuparon a pista pública de acceso para impedir que se levara a cabo.

“Queriamos atopar un último argumento para deter esta tolería, mais non o conseguimos”, asegura José Antonio, membro da plataforma a Sermos Galiza. A protesta rematou coa chegada do material ao mesmo lugar. “A Garda Civil trouxo os explosivos e desaloxounos para facer as detonacións que destruirán toda vida animal na lagoa”. Desde a Plataforma explican que desbotaron a idea de continuar a protesta na canteira “pola presenza de veciñanza de idade avanzada e a propia postura que adoptou a Garda Civil coa xente”. En todo caso estudarán a posibilidade de pedir responsabilidades legais por este suceso.

A empresa non tiña permiso municipal

Na protesta tamén participou Uxía Lemus, concelleira de Urbanismo de Teo, que asegurou a Sermos Galiza que non tiveron “constancia oficial de que se pensaba facer voaduras, nin que cortarían un viario municipal até hoxe mesmo”.

O concello de Teo conta con documentación que acredita a titularidade pública da vía

A empresa asume que este viario é seu aínda que o concello de Teo conta con documentación que certifica que a pista de acceso é municipal. “Nós temos os títulos de propiedade e defenderémolo diante da xustiza”, afirma Lemus, “ implícalle un grande atranco á empresa na posíbel explotación futura desta canteira e da idea do vertedoiro”.

A edil socialista de Teo acusou á dirección xeral de Minas e Enerxías de “permitir que comecen as voaduras e defender os intereses da empresa por diante dos intereses municipais”. Uxía Lemus asegurou que o concello procederá xudicialmente contra a empresa. “Seguiremos poñendo pedras tentando paralizar primeiro de maneira cautelar e logo definitivamente esta barbaridade medioambiental que nos queren colocar aquí en Teo”.