A cidadanía maniféstase contra a canteira de Casalonga

[Imaxe: Lorena Cao] Máis de 3.000 persoas tomaron parte na marcha

Unhas 3.000 persoas tomaron parte nunha marcha na que se esixiu ao Goberno da Xunta de Galiza a paralización inmediata dos traballos nunha canteira na que “queren botar unha cantidade de residuos equivalente a 100 'prestiges'”.

Esta xornada desenvolveuse na Casalonga unha marcha cara a canteira da zona, que congregou a máis de 3.000 persoas pese ao precipitado da convocatoria, organizada en tres días.

O descubrimento do baleirado da lagoa na segunda-feira motivou diferentes denuncias desde a Plataforma Casalonga Limpia de Residuos -a Augas de Galicia en fiscalía e en Medio Ambiente, a Dirección Xeral de Minas e a Medio Ambiente-, e foi o detonante da convocatoria  desta manifestación.

Na marcha, que tivo lugar nun ambiente distendido, destacaron, ademais de numerosas camisetas da plataforma, pancartas caseiras con diferentes motivos e lemas, como as protagonizadas polos patos e ras da canteira, que se preguntaban “a onde irían agora”.

"Paralización ordenada, pero non executada"

Xa a altura da lagoa procedeuse a un acto de peche no que a Plataforma Casalonga Limpa de Residuos informou aos asistentes dos movementos que tanto a empresa explotadora da canteira como a propia plataforma fixeran na última semana, desde que se tivo noticia do inicio do proceso de baleirado até a súa paralización temporal, coa correspondente sanción aos responsables da vertedura. Con todo, os asistentes puideron comprobar que a devandita paralización “foi ordenada pero non executada pois continúa a fluír auga da canteira”.

Este acto final tamén contou coa intervención do biólogo Pablo Gómez Sande, quen alertou da “contaminación biolóxica” que se está a producir co baleirado da lagoa, “debido á liberación de especies exóticas potencialmente invasoras que se atopan na lagoa da canteira, como o carpín dourado ou o plumeiro da Pampa”.

A noticia de última hora que comunicaron desde a plataforma e que os manifestantes escoitaron “co corazón encollido” foi a confirmación de voaduras na canteira para esta terza ás 10:30. Tras escoitar a noticia, os asistentes comezaron a comunicarse uns aos outros a necesidade de xuntar xente este martes á mañá na canteira para impedilas.

Finalmente, rematouse coa petición ao Goberno da Xunta de Galiza da paralización inmediata dos traballos da canteira, e recordóuselle á veciñanza que hai que “seguir en loita” pois só cambios nas leis autonómicas ou estatais poden “paralizar para sempre este atentado contra a saúde pública que se está a producir ao permitirse que antigas canteiras poidan converterse en vertedoiros coa excusa da súa restauración”.