Veciñanza de Petín concéntrase nos xulgados de Trives en apoio dun detido acusado de prender unha devasa: "É un cabeza de turco"
Dous autobuses cheos partiron na mañá desta segunda feira desde Petín (Valdeorras) ata os xulgados de Trives (Terra de Trives), onde máis de 150 persoas permanecen concentradas en apoio ao home de 61 anos que foi detido na pasada xornada no marco da vaga de incendios que arrasa estas bisbarras desde hai días.
Un dos veciños que están en Trives, quen indicou que tamén se desprazou a alcaldesa da localidade, Raquel María Bautista, e que o organizou o propio Concello, trasladou que o veciño detido "é un cabeza de turco" e que a súa detención é "inxusta".
A veciñanza concentrada considera que se "deteñen os únicos que quedaron nos pobos para apagar o pouco que se salvou". "Deter os voluntarios, e verdadeiros heroes desta catástrofe, é a pinga que colma o vaso tras o abandono sufrido durante estes días", indican, para engadir que "os verdadeiros responsábeis parecen necesitar un cabeza de turco e non imos permitilo".
Unha devasa fronte ao "abandono total"
Uno dos veciños, consultado por Europa Press, explicou que este home era "un voluntario" que estaba a axudar e que se limitou a prender lume a modo de "devasa" ante a situación "de abandono total" na que se atopaba a veciñanza.
"El quedou para tentar salvar o pobo", explicou, antes de indicar que un membro da UME, que participaba en evacuacións, viuno no momento no que prendía a modo de devasa.
Este veciño explicaba que o home facíao "con coñecemento de causa" e insistiu en que a súa detención é "indignante". "Con todos os meus respectos, é unha persoa que leva toda a súa vida aquí e que se enfrontou a lumes, probabelmente saiba mellor o que hai que facer que persoas que levan catro meses", defendeu.
A disposición xudicial
Aínda que inicialmente se informou de que este veciño detido non pasaría a disposición xudicial esta segunda feira, fontes do Tribunal Superior de Xustiza da Galiza (TSXG) precisaron que, salvo cambio de última hora, si o fará.
En concreto, está previsto que o faga a partir das 17 horas no tribunal de primeira instancia da Proba de Trives.

