As varadas multiplícanse por cinco no verán

Unha femia de golfiño común adulta rescatada con vida en Taragoña, Rianxo. (Foto: Protección Civil Rianxo).
Só no mes de xullo os equipos de rescate da rede galega de varadas, que coordina a Cemma en colaboración con grupos de intervención local, asistiron máis de 80 animais mariños en areais de todo o litoral, nomeadamente cetáceos, unha cifra que supera por cinco a cota media da última década.

Un exemplar de quenlla peregrina de sete metros, macho, adulto, apareceu varado o pasado 15 de agosto na praia de Doniños, Ferrol. "A primeira vista non atopamos nada que poidamos relacionar coa causa da súa morte", explica a Nós Diario o biólogo mariño Alfredo López, membro de Coordinadora para o Estudo dos Mamíferos Mariños (Cemma) que guía a rede de varadas da Galiza co apoio da Fundación Biodiversidade dependente do Ministerio para a Transición Ecolóxica.  

Tras coller mostras do animal para o seu estudo, o voceiro de Cemma asegurou que malia tratarse dunha especie pouco frecuente na costa galega, "todos os anos aparecen exemplares, habitualmente máis pequenos de tres ou catro metros". O raro, precisa, "é que aparezan varados, e máis, varados vivos, como neste caso".

A Galiza suma máis de 300 varadas desde o inicio de 2023

Achegamentos excepcionais coma este adoitan estar relacionadas coa busca de alimento, de plancto, que os leva a navegar perto da costa. Este comportamento non debe sorprender, o estraño é o número de varadas que se están a producir, "cinco veces a media dos meses de xullo e agosto dos anos anteriores", confirma Alfredo López.

"É unha barbaridade. Neste momento non temos tempo nin para reflexionar e ver cales poden ser as causas deste incremento, que analizaremos con todos os números e información adicional sobre os exemplares mortos ao acabar o verán". 

O traballo é intenso en toda costa, o que dificulta a capacidade de resposta. "Hai un par de semanas tivemos 22 golfiños varados vivos en tres puntos: Ares, Ferrol e O Vicedo, algúns a máis de 100 quilómetros de distancia entre si. Iso é moi difícil de xestionar".

Candorcas

No que vai de 2023, a Galiza suma máis de 300 varadas e desde Cemma estiman que a finais ano poden superar a marca anual de 440.

O golfiño común é a especie máis frecuente na costa da Galiza, xunto aos arroaces e algunha toniña. Cando os animais están con vida, os equipos coordínanse para devolvelos a augas profundas, máis só 10% logran volver ao seu medio. Cando aparecen mortos, o ideal é chegar a todos para recoller mostras, analizalas e determinar as condicións da morte. "Mais con catro varadas ao día é imposíbel, e coas praias cheas o que urxe é retiralos".

Polo que se refire ás candorcas, outro foco de interese para Cemma, "de momento houbo poucas interaccións na Galiza, mais é posíbel que se dean nas próximas semanas porque están vindo polo Sur". Antes de saír navegar, avisa López, pódense consultar os mapas de avistamentos na app móbil GT Orcas para evitalas.