A Valedora do Pobo tramitou o dobre de expedientes e 34% máis de asuntos en 2021

Dolores Fernández Galiño e Miguel Santalices. (Foto: Arxina)
A Consellaría de Sanidade foi a que máis asuntos concentrou, superando 41%.

O segundo ano da pandemia pola Covid-19 mantivo á alza a actividade da Valedora do Pobo, institución que preside Dores Fernández Galiño. O informe de actividade de 2021 recolle un aumento "considerábel" de 34% no número de asuntos, que pasaron de 2.912 a 3.936, mentres que se multiplicaron por dous os expedientes, pasando de 5.387 en 2020 a 10.736 en 2021.

Aliás, as actuacións, que inclúen as queixas colectivas, a atención presencial e telefónica, ascenderon a 19.544 fronte ás 12.913 de 2020, un dato que, en palabras de  Fernández Galiño, é "especialmente relevante" porque no exercicio anterior xa subiran. A actividade tamén se viu incrementada na cifra de actuacións de oficio, que pasaron a 103 no informe de 2021 (+16%).

En canto ás consellarías, a de Sanidade foi a que concentrou o maior número de asuntos, con 41,97%. Neste sentido, a pandemia seguiu marcando as queixas e consultas realizadas, sobre todo, vinculadas ao proceso de vacinación.

Durante eses meses, como explicou a  valedora na rolda de prensa de presentación do informe, houbo diversas queixas e consultas acerca da administración das vacinas, vinculadas con grupos vulnerábeis ou cidadáns que tiñan unha situación especial, como os estudantes cunha bolsa Erasmus.

Posíbel redución da actividade en 2022

Preguntada por unha posíbel redución de queixas no balance de 2022 pola "normalización" da pandemia, Dores Fernández Galiño sostivo que é previsíbel e, como proba diso, apuntou que hai unhas 800 menos con respecto ao ano anterior nas mesmas datas, o que se reflectiría tamén no ámbito sanitario.

Por outra parte, a Valedora do Pobo deu conta das actuacións de oficio: inclusión social acaparou 32; a vivenda e os desafiuzamentos, un total de 31; a garantía de dereitos dixitais, 15; e medio ambiente, 10. Por debaixo da decena, situáronse sanidade (5), igualdade de xénero (5), industria e comercio (2), e corporacións locais, discriminación por orientación sexual e dereitos lingüísticos (unha en cada un dos casos).

Dos 10.373 expedientes, admitíronse a trámite 10.047 e concluíronse 7.342, mentres que 2.699 seguen en trámitación. Ademais, máis de 364 remitíronse a outras institucións.

Das 10.791 cuestións expostas á defensoría galega, 9.436 tiñan que ver coa Administración autonómica e 1.149 con concellos. Ademais, as deputacións provinciais aglutinaron 49 e outras corporacións públicas, 128; mentres que as universidades sumaron 28 (a que máis, a de Santiago de Compostela, con 19).

Na rolda de prensa, a  valedora do Pobo tamén destacou o compromiso da institución coa defensa dos dereitos lingüísticos, área na que houbo 261 queixas. Delas 234 foron promovidas pola Mesa pola Normalización Lingüística e o Observatorio de Dereitos Lingüísticos e, do total, 36 foron remitidas ao Defensor do Pobo español.