A valedora do Pobo recoñece que 2020 foi un ano "difícil" para os dereitos humanos

A valedora do Pobo considera que 2020 foi "un ano difícil para os dereitos humanos" e reclama que "a realidade poscovid" sexa "mellor que a anterior".

A valedora Dolores Fernández e a vicevaledora María Xosé Porteiro (Foto: Europa Press)
photo_camera A valedora Dolores Fernández e a vicevaledora María Xosé Porteiro (Foto: Europa Press)

A valedora do Pobo, Dolores Fernández Galiño, recoñeceu que 2020, co impacto da pandemia, foi "un ano difícil para os dereitos humanos", como ocorre, dixo, cando hai algún "desastre" deste tipo. "A realidade poscovid debe ser mellor que a anterior", reclamou esta sexta feira, 2 de xullo, na súa comparecencia na comisión de Peticións da Cámara galega en que presentou o informe da Valedoría

"As dificultades na procura dos dereitos humanos non nos deben levar ao desánimo, senón a reforzar o noso compromiso. Non deixaremos de prestar atención aos problemas anteriores, que se agudizaron coa situación da pandemia como a desigualdade de mulleres e homes, a violencia de xénero, violencia e acoso, explotación humana, persoas con discapacidade, discriminacións, colectivos desfavorecidos, dereitos dixitais, medio ambiente", citou a valedora.

Evidenciou, ademais que a pandemia obrigou a incidir especialmente en aspectos como o sistema sanitario, servizos sociosanitarios, traballo decente e fenda dixital. 

Un ano duro 

Desde 14 de marzo de 2020, día en que foi declarado o primeiro estado de alarma para facer fronte á crise sanitaria, até 21 de xuño, día en que decaeu; o alto comisionado xestionou un total de 222 asuntos relacionados coa pandemia e abriu 33 actuacións de oficio, unha tendencia á alza con respecto a 2019 que se mantivo até final de 2020. Os asuntos totais nese ano alcanzaron os 2.912, é dicir, 28% máis que en 2019, incremento similar ao rexistrado no número de persoas que se dirixiron á valedora para solicitar asesoramento, que creceu 27%, até os 7.526.

Na quenda de intervención dos grupos políticos, a deputada do PP Paula Prado destacou a "boa dinámica de traballo" na relación entre a Valedoría e as Administracións, que non a viron como "unha policía, senón colaborativa". "Parécenos ben que siga nesta liña", remarcou.

O deputado do BNG Daniel Castro puxo o acento na necesidade de reforzar a "Valedoría do Pobo no mundo rural" e en que se faga fincapé en temas como vivenda e sanidade e perspectiva de xénero".

Pola súa banda, a socialista Noelia Otero pediu "ambición" para a resolución dos problemas das galegas e galegos e advertiu de que "non hai sociedade que resista sen a solidez dun sistema baseado na xustiza social".

Comentarios