Máis de 10.000 sinaturas ante a Valedora do Pobo pola blindaxe das pensións na constitución

Unha iniciativa a nivel estatal para introducir na constitución a prohibición expresa de privatizar as pensións e de que perdan poder adquisitivo suma xa máis de 2.600.000 apoios.

mesa blindaxe pensións

Introducir na constitución española a prohibición expresa de privatizar as pensións e de que estas perdan poder adquisitivo. Esa é a finalidade da Mesa Estatal pola Blindaxe das Pensións (MERP), plataforma que entre as súas iniciativas impulsa unha recollida de sinaturas para instar os gobernos a dar este paso.

Na mañá desta quinta feira representantes do MERP presentaron na Valedora do Pobo 10.100 firmas recollidas na Galiza en apoio a esa demanda. “Logo de 8 anos de campaña, a Mesa Estatal pola Blindaxe das Pensións recollemos 2.615.361 sinaturas que hoxe entregamos nas defensorías de todo o Estado. No 2018 foron un millón e medio, e hoxe aproximámonos aos 3 millóns de firmas que apostan por blindar as pensións na Constitución”·, indican nun comunicado.

 A revalorización das pensións non é unha obrigación, como non o é o mantemento e desenvolvemento do carácter público das pensións. E debe selo

“O vindeiro sábado 13 de novembro ás 12 horas dende a Porta do Sol ata o Museo Reina Sofía, convocamos unha manifestación ampla e unitaria á que chamamos a acudir a toda a cidadanía, a quen non aceptamos a privatización do Sistema Público de Pensións. Esta é unha aposta de futuro, un paso estrutural que leve as pensións ao máximo rango de protección legal que existe na nosa sociedade”.

“Actualmente as pensións non son un dereito constitucional. O artigo 50 está incluído no capítulo Terceiro, que é o dos “principios reitores da vida económica e social”, que son recomendacións, non dereitos de obrigado cumprimento e aplicación, algo así como “dereitos orientativos” que non constitúen un mandato para os poderes públicos. A revalorización das pensións non é unha obrigación, como non o é o mantemento e desenvolvemento do carácter público das pensións. E debe selo”.

Debate

A última proposta do ministro de Inclusión, Seguridade Social e Migracións, José Luis Escrivá, para facer fronte á vaga de xubilacións que virán nos vindeiros anos xa está enriba da mesa. A fórmula do Goberno español é aumentar un 0,5% as cotizacións a partir de 2023 durante 10 anos. O incremento pagaríano a medias o persoal laboral e as empresas. En todo caso, de non abondar esta medida, non se desbota un recorte nas prestacións.

A CIG rexeita a suba das cotizacións e CCOO máis UXT valorarán a proposta. En opinión de Francisco González Sío (CIG), con este debate "estase confundindo a xente". Cre que o problema das cotizacións á Seguridade Social "son os baixos salarios e as condicións laborais que teñen as persoas traballadoras" polo que apunta a Nós Diario que "se tivésemos unhas condicións dignas e o mercado laboral non fose tan precario en colectivos como a mocidade e as mulleres, teríamos uns ingresos para as pensións acordes ao que necesita o sistema".

Comentarios