A oposición carga contra a Xunta por non colaborar coa Valedora

Tanto o BNG como o PSdeG reprochan ao Goberno galego a "pouca colaboración" que mantén coa Valedoría do Pobo, e alertan do "número importante" de recordatorios de colaboración -un total de 36- emitidas pola institución á Xunta en 2019. 

A valedora do Pobo, María Dolores Fernández Galiño, no Parlamento galego (Imaxe: Arxina)
photo_camera A valedora do Pobo, María Dolores Fernández Galiño, no Parlamento galego (Imaxe: Arxina)

A valedora do pobo, María Dolores Fernández Galiño, compareceu esta terza feira, 6 de outubro, no Parlamento para presentar a Memoria correspondente ao ano 2019. As formacións da oposición (BNG e PSdeG) reprocharon ao Goberno galego a "pouca colaboración" que mantén coa institución. 

Daniel Castro, deputado do BNG, alertou contra o "número importante" de recordatorios de colaboración -un total de 36- emitidas pola Valedoría á Administración galega ao longo do ano. Por iso mesmo, o parlamentario nacionalista instou Galiño a "exixir un maior grao de responsabilidade" ás institucións galegas.

"A algunhas Consellarías hai que insistirlles ante os requirimentos", censurou na mesma liña a socialista Isaura Abelairas.

O informe da Valedoría reflicte que o número de queixas tramitadas pola institución descendeu case 70% ao cursárense 6.250, en comparación ás 20.807 xestionadas en 2018.

Por áreas, destaca o aumento das presentadas ante accións do departamento de Infraestruturas e Mobilidade da Xunta, que aglutinaron (29,63%) dos 5.270 expendientes que afectan a Administración galega. Política Social é a consellaría con máis queixas, con 1.598 (30,33%).

Galiño expuxo o traballo realizado en 2019, remarcando o decálogo que puxo en marcha ao acceder ao cargo e que se enmarca na "promoción e defensa dos dereitos das persoas" en diferentes ámbitos. En materia de dereitos lingüísticos, foron 48 as queixas recibidas neste sentido, das que 24 foron a instancia da Mesa pola Normalización Lingüística e do Observatorio de Dereitos Lingüísticos. O PP solicitou á valedora que realice un "informe extraordinario" sobre as "okupacións ilegais de vivenda". 

Galiño foi designada valedora a mediados do pasado ano, após a dimisión de Milagros Otero, catro meses despois de que o Tribunal Supremo desestimase o seu recurso contra a condena pola  designación na Valedoría de María Puy.

Comentarios