Uxía: "Nunca Máis foi o paraugas baixo o que nos puxemos todas e todos"

A cantante Uxía, esta cuarta feira, en Santiago de Compostela (Foto: Riobó Prada).
Vinte anos despois da catástrofe do petroleiro 'Prestige' nas costas galegas e de xurdira a Plataforma Nunca Máis, unha das súas portavoces, a cantante Uxía, lembra para Nós Diario aqueles momentos e o que significaron co paso do tempo. Experiencias persoais mestúranse estes días coas lembranzas duns meses que xa quedan para a historia da Galiza contemporánea protagonizados por un dos maiores movementos sociais de protesta.

-Pasaron vinte anos. Desde a distancia temporal, como lembra a reacción da sociedade galega polo afundimento do Prestige a as súas consecuencias?
Vinte anos é un bo momento para recapitular e reflexionar. Saber como chegamos até aquí e que pouso deixou ese movemento social. Desde logo foi o máis aberto, inclusivo e transversal da nosa historia recente. Teño moitas imaxes na miña cabeza dese momento.

O que me quedou máis gravado na memoria é a solidariedade sen límites que houbo. Despois, a resposta da sociedade diante da pésima xestión do Goberno que había naquel momento. Lembro tamén a incerteza, o medo e a carraxe de non saber ben que facer até que apareceu a Plataforma Nunca Máis, paraugas baixo o que nos puxemos todas e todos. Creo que foi fundamental a súa creación e o que aconteceu.

Non podemos esquecelo. Non hai nada como responder de maneira unida á xestión nefasta. A reacción cidadá foi un exemplo de dignidade.

A reacción cidadá foi un exemplo de dignidade

-Como naceu a Plataforma Nunca Máis?
Foi unha experiencia interesante pola súa pluralidade. Nela estaba representada boa parte da sociedade galega a través de distintas asociacións e colectivos, coa xente do mar organizada e o mundo do ensino, da saúde e mesmo da comunidade científica. Foi un exemplo de como se pode crear algo dunha maneira transversal e aberta. 

Deberiamos tomar nota e pensar que se lle pode dar a volta ás cousas dunha maneira colectiva. Eu aprendín moito. Non sentín para nada estar a facer un traballo contra vento e marea, todo o contrario. Mais non era doado responder a tanta incompetencia.

Lembro que tivemos longas xornadas de reflexión, de reunións da xestora e do seu brazo cultural, a Burla Negra. Estou moi orgullosa dese momento, e das compañeiras e compañeiros que fun coñecendo co tempo. Sobre todo da xente do mar. Non é casualidade que agora viva na Illa de Arousa. Para min foi, naquel momento, un exemplo do que nos viña enriba. Tiveron unha maneira comunal de facer fronte a iso.

-O mundo da cultura deu a cara e colleu o papel de portavoz.
Exercemos de portavoces. Creo que armamos un discurso sólido, con moito asesoramento loxicamente da comunidade científica, do sector do mar... Comunicamos o que todo o mundo sentía. Era un discurso que a xente podía entender, ecolóxico e poético. Deixou pegada. Non era o discurso habitual para comunicar este tipo de situacións. Entendeuno todo o mundo, polo que foi importante. 

Comunicamos o que todo o mundo sentía

A xente da comunicación tamén se entregou en corpo e alma, con moitas horas de sono polo camiño. Lembro agora, por exemplo, a Rocío Castro, que foi unha das persoas que nos asesorou e buscou ocos onde nos escoitasen para trasladar a ausencia do que estaba acontecendo.

Explicar que nos estaban mentindo. Era algo físico, puro chapapote, cando mesmo se negaba que estaba acontecendo. Todo un despropósito. Aprendemos que non todo o que din os medios de comunicación é verdade. A manipulación é unha maneira de que non se conte a realidade.

Notamos que eramos un colectivo moi grande e moi plural. Levabamos a bandeira de Nunca Máis con moito orgullo e, á marxe das bandeiras partidistas, representábanos a todas e a todos. Era un símbolo de unión do pobo contra o desleixo, o inmobilismo, o silencio e a mentira. É un bo momento para celebrar os vinte anos. Decatarnos de que se nos mobilizamos podemos cambiar o rumbo das cousas. 

Decatarnos de que se nos mobilizamos podemos cambiar o rumbo das cousas.

Pensar un mundo sempre mellor e máis xusto. Todo isto deixou un forte impacto na conciencia ecolóxica, aínda que pensemos que non. Quero quedar coa parte positiva.

-Había algo máis que a protesta ecoloxista?
Desde logo. Era defender a nosa dignidade fronte a esa pésima xestión. Chovía sobre mollado. O Goberno debía defendernos e estabamos sós. Por esa razón a manifestación do 1 de decembro foi unitaria e potente. Non lles importaba nin o mar nin nós. Foi unha defensa moi emocionante dos nosos dereitos. Transcendeu moito. Estivo nos medios de comunicación de todo o mundo, nunha gran manifestación en Madrid e mesmo no Parlamento galego. Foi unha pelexa moi brava e fixémolo sen pensar nas consecuencias.

-Que botou en falta estes anos?
O único que me dá mágoa é que non se recollese todo nun lugar físico, pór en valor o que se fixo, para contalo xeración tras xeración e non só cando se cumpren 20 anos. Se esta celebración serve de algo será para reunir todo ese material e pór en valor ese momento. Sentirnos orgullosos do que aconteceu á marxe da deriva política e partidista. É o momento de erguer esa bandeira con orgullo e de repensar outras frontes como a dos medios públicos, a sanidade pública ou a memoria histórica.