Sermos Galiza afonda nas consecuencias do 'Prestige'

O semanario tamén garda un espazo para o autor de banda deseñada David Rubín e analiza a tendencia dos 'small cinemas'. Se non queres perder nada, só terás que acudir este sábado ao teu quiosque ou mercar a publicación na nosa loxa en liña.
Reportaxe sobre o 'Prestige' que atoparás no novo número de Sermos Galiza. (Foto: Nós Diario) #sermosgaliza #prestige #bandadeseñada #cinema
photo_camera Reportaxe sobre o 'Prestige' que atoparás no novo número de Sermos Galiza. (Foto: Nós Diario)

O 19 aniversario da catástrofe do Prestige fronte ao litoral galego abre o número de Sermos Galiza que sae do prelo este sábado.

O xornalista Xosé Barros trae á actualidade a realidade actual sobre o afundimento do petroleiro, a vertedura de fuel que chegou ao país, o voluntariado e unhas consecuencias que “aínda hoxe son descoñecidas” mesmo para a “comunidade científica”.

Na reportaxe ‘O Prestige, un aire que mata’, fornécese información mais tamén convídase á reflexión.

Pola súa banda, Manuel Barreiro entrevista o autor David Rubín baixo o título ‘David Rubín. BD galega no mundo’. A conversa con motivo da exposición de obras deste creador permite falar da banda deseñada en xeral, de recursos estilísticos, de como a figura do autor foi crecendo co paso dos anos, da relación entre o cinema e a banda deseñada... Se es fanática ou fanático desta arte, non perdas palabra!

Aliás, Lois Alcayde descobre ‘Pequeno gran cinema Paradiso’ atrás do que se agochan os chamados ‘small cinemas’, que son exemplo da “diversidade” e propoñen unha alternativa para o audiovisual. Así alude a temáticas de xénero, dereitos, liberade e outras moitas.

Galería de arte ao aire libre

E despois de pasar un tempo na butaca, o mellor é ir pasear con Xan Colazo, Mon Daporta e Adela Leiro -Colectivo Xea- en ‘Carballo. Camiñando entre obras de arte’, na que amosan a galería na que se converteu a vila nos últimos anos.

Se aínda quedan ganas de cultura despois deste percorrido, será momento de atender as recomendacións literarias de Mario Regueira -Deixádenos remar, de Ana Cabaleiro- e Manuel Barreiro (A predición de Aloia de David Lorenzo).

No que se refire á música, Olga Brañas repasa Cas Berlai de Berlai e Fernando Montenegro analiza ‘A música de Chaplin’. Como os filmes están presentes, xa se pode maridar a lectura coa da escolma de Andrés Castro, que esta semana fai un alto no camiño da carteleira para escribir ‘Cineuropa 2021: panorama audiovisual galego’.

Pepe Barro fala de deseño en ‘Abelenda na marxe’, mentres Lázaro Armental comenta a arquitectura urbana en ‘Sentar a descansar’. Ademais, non falta a cita de cada sábado coas probas mentais creadas por Xerardo R. Roca e Xoán Costa.

Deveces por ler todo? Só tes que procurar Sermos Galiza co Nós Diario este sábado no teu quiosque habitual ou na nosa tenda en liña. Aínda así... Igual é o momento de facer a túa subscrición!

Comentarios