Social

A USC sanciona 2 alumnos polo colapso do Campus Virtual e o estudantado responde #AsíTampoucoUSC

Estudante no campus virtual (UVigo).
A Universidade de Santiago de Compostela deixa sen acceso á plataforma de ensino virtual dous implicados na caída desta ferramenta a pasada terza feira, unha acción do estudantado contra o sistema de avaliacións online estabelecido.

A Universidade de Santiago de Compostela bloqueou o acceso preventivamente ao Campus Virtual a dous alumnos polo colapso rexistrado esta terza feira na plataforma. Mentres, o estudantado organízase para volver protestar esta mesma tarde a través das redes sociais co cancelo #AsíTampoucoUSC, unha continuación do #AsíNonUSC empregado nun inicio.

A institución académica asegura que estes estudantes utilizaron ferramentas de repetición de accións ou función para xerar un tráfico desmesurado no espazo virtual nun breve espazo de tempo o que, segundo indican, impediu o acceso á plataforma a un numeroso grupo de alumnos. 

A USC xa notificou a suspensión cautelar da conta a estes dous estudantes, após ser identificados e recoñecer a autoría e implicación nos feitos. Xerouse un tráfico equivalente a máis de 12.000 conexións simultáneas, que vulnerou "o correcto funcionamento" das ferramentas virtuais, segundo traslada a universidade.

Neste sentido, o ente realizou un chamamento "á responsabilidade" da comunidade universitaria, tras insistir en que a maioría do alumnado utiliza o servizo con normalidade e advertiu de que este tipo de accións, que "prexudican ou impiden o acceso doutros usuarios", representan actuacións "sancionábeis tanto no contexto do regulamento do uso das TIC na o USC como do propio ordenamento xurídico", a través do Código Penal.

Protesta do alumnado

Ás 20:30 horas desta quinta feira estaba prevista outra acción contra o campus virtual promovida desde as redes sociais, onde o estudantado fala de "censura" e "persecución" co cancelo #AsiTampoucoUSC

O colapso sucedeu por mor dunha protesta do alumnado pola xestión da crise sanitaria e do final do curso. As redes sociais e os grupos de estudantes en WhatsApp fixéronse eco da convocatoria para colapsar os servizos da plataforma virtual ás 12 horas do día 28, e repetiron durante a tarde. O mesmo sucedeu na Universidade da Coruña ao día seguinte

Pola súa banda, a institución asegurou que a área TIC implementou medidas para fortalecer o sistema para asegurar "o correcto funcionamento" do Campus Virtual e "evitar situacións non desexadas". Así mesmo, afirman que van "reforzar" os "sistemas de avaliación"