Anega ve "boa" a resposta á folga nas universidades galegas

Facultade de Ciencias de Comunicación (USC)

A USC asegura estar a dialogar para "acordar posturas" e a de Vigo afirma que a maioría das demandas están "liquidadas".


 

A organización de estudantes Anega destacou a resposta á folga que, con carácter indefinido, convocou nas tres universidades galegas para reclamar o fin de curso, segundo aseguraron as súas representantes a Europa Press.

Sobre o seguimento dun paro instando as e os alumnos a deixar de asistir a clases virtuais e de entregar traballos, (coa demanda de pedir a finalización do curso e a superación automática do cuadrimestre restante, pero sen contar para a nota media), admitiron non ter un "seguimento preciso" polo tipo de folga, ao ser a primeira vez que se fai de forma telemática.

"Sabemos que a apoia a maioría --de estudantes--", aseguraron desde Anega, que lembra que na preparación do paro realizaron unha enquisa a nivel galego. "Cunha mostra de máis de 5.000 alumnos, na que ao redor de dous terzos do estudiantado estaba a favor da finalización do curso".

"A resposta está a ser parcialmente boa", apuntaron no transcurso da mañá, pero convencidos de que no transcurso do día uniríase "máis xente". "Hai unha maioría de estudantes que entende o motivo da folga porque están fartos da incerteza sobre o cadrimestre e a falta de respostas".

Con todo, denunciaron a existencia de "sectores" chamando a "boicotear a folga", aínda que aseguraron entender que haxa "críticas ou outras visións" sobre a mesma. Mentres, dixeron que por parte dos reitores recibiron resposta por parte da Universidade de Santiago de Compostela (USC).

Nela, ofrecéuselles "unha reunión para os próximos días". "Por parte da UDC e a Universidade de Vigo aínda non recibimos resposta, esperamos que chegue pronto", apostilaron.

"Acordar posturas"

Pola súa banda, sobre esta folga, a UDC manifestou non ter datos sobre o seguimento, mentres que desde a USC admitiron que é "díficil" avalialo "porque os horarios de actividade en teledocencia son menos monitorizables" e pola organización distinta de cada grupo.

No entanto, incidiron en que estes días se están realizando reunións "con todos os colectivos". "Para acordar posturas a partir dun documento de propostas do equipo de goberno, remitido ao estudiantado".

Na mesma liña, explicaron que están "a dialogar" co alumnado, ademais de cos representantes deste colectivo no consello de goberno. "Tamén cos das facultades e centros a través dos seus representantes", recalcaron.

En canto ao seguimento na Universidade de Vigo, desde o seu reitorado aseguraron que non é posíbel coñecer a repercusión da folga, pero manifestaron que se estivo "en contacto constante co alumnado para atender as súas reivindicacións". "E a gran maioría están xa liquidadas ou en proceso de facelo".