Social

Anega denuncia que UDC e USC aprobaron medidas para o fin de curso co estudantado en contra

Asemblea universitaria (arquivo).

A Asemblea Nacional das Estudantes Galegas (Anega) salienta que ambas universidades celebraron os seus consellos de Goberno na pasada cuarta feira e aprobaron unhas resolucións reitorais para as que non se tivo en conta a opinión do estudantado.

A Asemblea Nacional das Estudantes Galegas (Anega) denunciou esta quinta feira que a Universidade de Santiago de Compostela (USC) e mais a Universidade da Coruña (UDC) deron "un golpe de autoridade" para aprobar as medidas que van marcar a avaliación deste curso, marcado pola imposibilidade de asistir ás aulas pola crise do coronavirus. 

O colectivo estudantil lembra que están "en medio dunha folga indefinida" nas tres universidades galegas e critica que a UDC aprobase un documento cos detalles sobre o fin deste curso "co voto en contra das oito representantes do estudantado" do seu consello de Goberno. Así como que apunta a que na USC a representación estudantil abandoou o consello telemático logo de que se "cortasen as nosas palabras, se evitasen votacións e se coartasen debates".

Entre as "medidas de mínimos" que lle reclamaron á dirección da universidade de Compostela e resultaron "rexeitadas" figuraba "poder escoller entre avaliación continua ou única, ou non ser avaliados da materia dada no confinamento, como recoñeceu o Ministerio de Educación no caso do ensino medio".

"A pesar de que as universidades galegas negáronse até o momento á proposta estudantil de facer unha enquisa vinculante, numerosas enquisas realizadas apuntan a que a liquidación do curso, medida reclamada pola folga universitaria convocada por Anega, é a maioritaria entre o estudantado", salientan nun comunicado.  

"Esta medida terá que ser aceptada tarde ou temprano", apuntan desde o sindicato, "porque canto máis avanza a situación máis vemos que é a única saída realista para o curso no contexto de pandemia que estamos vivindo”.

Ademais, resaltan que "un gran número de estudantes de todo o Estado estase sumando á proposta", pois indican que a campaña nas redes sociais co cancelo #FinDelCursoAhora chegou a ser trending topic no Twitter a nivel estatal.