Social

Cae o campus virtual da UDC após unha protesta do alumnado para denunciar que non é "factíbel" avaliar así

Estudiante dentro do campus virtual (UVigo).
O reitorado da Universidade da Coruña informou de que recibiron un "ataque informático" de maneira remota no que calcularon "máis de 226.000 sesións á vez, a maioría de fóra de España". 

O campus virtual da Universidade da Coruña (UDC) caeuse esta tarde, coincidindo coa hora na que, co cancelo #AsíNonUDC, organizouse unha "quedada" entre o alumnado para evidenciar que non é factíbel un sistema de avaliación coa plataforma Moodle de acceso a contidos e notificacións.

O colapso da plataforma virtual da UDC chega un día despois de que o alumnado da Universidade de Santiago de Compostela (USC) lograse o mesmo na súa para visibilizar os problemas desta infraestrutura. 

O obxectivo destas accións, segundo as convocantes, é sinalar as carencias tecnolóxicas que teñen estas institucións académicas para soportar a carga de tanto alumnado conectado ao mesmo tempo e a preocupación polas avaliacións finais, que se realizarán de forma telemática.

Nun comunicado, a UDC atribuíu o sucedido a un "ataque informático desde polo menos un bot", informou en relación a un sistema que permite controlar os computadores ou servidores infectados de forma remota. "O ataque foi brutal, máis de 226.0000 sesións, a maioría de fóra de España", apuntaron desde o reitorado.

A universidade confirmou que a caída da citada plataforma rexistrouse ao redor das 18 horas, a mesma hora en que se realizou a "quedada" a través das redes sociais entre as estudantes, e mantívose até as 19 horas.

No entanto, a algúns estudantes lles colleu o sucedido por sorpresa ao comprobar que o campus virtual "tardaba moito en responder" e que non lles deixaba acceder.

A pesar do sucedido, desde o reitorado aseguraron que se estivo "só pouco máis de 15 minutos sen operar porque se intentou manter a memoria para non perxudicar aos que estaban a traballar". "Aínda que ao final non se puido manter", recoñeceron.